«Os camiños son elementos da nosa historia»

V. couto / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

ZAS

MARTINA MISER

O antropólogo muxián Manuel Vilar, autor da guía «Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil», presenta hoxe a obra: 12.00 horas, na Ponte de Brandomil

16 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Vilar Álvarez, antropólogo, escritor e divulgador, é o autor da guía «O Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil», unha publicación que será presentada hoxe na Ponte de Brandomil, en Zas, ás 12.00 horas. Estará acompañado polo alcalde, Manuel Muíño; polo editor, Henrique Alvarellos; e pola profesora da USC, Nieves Herrero. Actuará, ademais, Sara Breijo. María Martínez Tubío, presidenta da asociación cultural Grandimirum, entidade organizadora do acto, moderará a sesión. Vilar falou o xoves en Radio Voz sobre a obra.

-De Santiago a Muxía por Brandomil vén sendo, precisamente, o camiño máis dereito.

-Si, efectivamente, o camiño máis dereito para chegar dende Santiago ata Muxía.

-¿Que destaca vostede desta guía, como autor que é?

-Empezo citando a Cunqueiro e a Otero Pedrayo, dúas figuras claves da alta cultura galega. Unha frase deste último di que os camiños están acugulados de historia e, polo tanto, o que quero eu é visibilizar ou sinalizar as cousas que hai ao longo do camiño, a historia que acumulou, a xente que fixo ese camiño e tamén a xente que vive nesa contorna.

-¿Canto tempo levaba traballando nesta publicación?

-Foi feita nesta verán, aínda que levo dende os 90 dando voltas arredor desta cuestión, cando se empezou co Camiño a Fisterra e Muxía.Hai cousas que veñen de entón, outras que teñen un ano e outras deste mesmo verán, cando volvín a percorrer este camiño do que escribín.

-¿Cre que o de Santiago a Muxía por Brandomil é un camiño descoñecido?

-Non falo tanto de camiños coñecidos e descoñecidos. Os camiños están aí, para o mañá, para que sexan andados, como dixo Cunqueiro. A xente tenos andado dende sempre, uns cun sentido e outros con outro, están aí. Que se coñezan ou non non ten tanta importancia para min, senón que os camiños son elementos da nosa historia aos que eu agora quero darlle algo máis de visibilidade. Libremente, para que quen queira o faga. Teño historias de xente que os fixo e que, ao final, son historias que configuraron a propia historia e xeografía do país.

-Presentación na Ponte de Brandomil, lugar destacado.

-Que leve o nome de Brandomil é significativo pola importancia que ten esta localidade na configuración do territorio. Pero non só Brandomil. Eu parto da idea de que o cristianismo se expande sobre territorios romanizados e, na comarca, os dous lugares clave na romanización son Brandomil e Moraime. De Brandomil, para min, o seu elemento significativo é o pasado romano: penso que se debería intentar recuperar ou darlle máis visibilidade.