Millo novo

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

ZAS

01 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes, o millo verde, o que se esfolla por este tempo, era todo de cores. Tiña unha casula tan forte que podías esgazar a man se non usabas ben o esfollador. Hoxe o verde, o novo, é todo amarelo, e as follas que cobren a espiga son tan febles ás veces que case lle podes soprar e voan. Nunca pensei que botaría de menos aquelas espigas recias e grandes, de bico apertado, que tantos traballos me daban. E que se medaban tamén. Aínda que, no inconsciente, o que realmente añoro é todo o que rodeaba o millo. As rogas, os veciños, o traballo colaborativo, as conversas, as loitas por que os mandos caesen sobre ti, as reinas...E a xente que estaba alí. Moito Halloween e moito Samaín do paso do verán á escuridade, pero se había un traballo que significaba o remate dun tempo e o inicio doutro, ese era a esfolla. Xa non é. Agora somos catro os que o facemos, e nin o ulido do ambiente é o mesmo. Pero algo é algo.

Tamén lembro as cabanas, por suposto. Cada vez que paso pola beira da de Carreira, en Zas, sempre paro na que hai. Vai para o terceiro inverno, e aguanta como unha campioa. Nótase que os que a construíron sabían o que facían, xente de outros tempos aínda que non sexan tan vellos. Mágoa que non teña herba seca dentro, pero dá igual. Hai que entrar nela por un lado e saír polo outro. E aguantar dentro uns minutos. Mirar arriba e arriba e abrir ben os ollos, ver os cotos dos monllos sobre ti, caendo como estalactitas. É como un planetario rural, cada palla unha estrela, cada mando unha galaxia. E despois pechalos e imaxinar, e lembrar os que poidan aqueles traballos que pasabamos para facelas.

E respirar fondo.