«Se nunha semana non hai nada, faremos algo máis de ruído, porque non nos fan caso»

v. c. / s. g. CARBALLO / LA VOZ

ZAS

cedida

Vanessa Camafreita é a voceira da Coordinadora Zas Sen Recortes

27 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vanessa Camafreita, de San Cremenzo de Pazos, é a voceira da coordinadora de pais e nais que levan xa varias semanas loitando para conseguir que nos centros de saúde de Zas haxa o mesmo número de horas de atención pediátrica que había antes. As últimas accións foron dúas concentracións. De momento con poucos resultados, pero seguirán intentándoo. Falou en Radio Voz.

-Tiveron dúas concentracións esta pasada fin de semana, en Baio e en Zas. Satisfeitos?

-Fixemos as concentracións, pero non obtiveron ningunha resposta. De momento estamos á espera a ver se conseguimos algo ou non.

-Móvense por diferentes vías: esas concentracións, pancartas por varios puntos do municipio... E tamén teñen unha petición na plataforma Change.org, non?

-Haina, pero non a lanzamos nós, o que pasa é que nos incluíron nela.

-En todo caso, serve para ter visibilidade por varias vías.

-Si, pero, como comentei, sen resposta. Pero nós imos seguir pelexando porque non imos consentir que os nenos do concello de Zas non sexan máis que un triste número do cal prescinden nos Orzamentos da Xunta.

-Os recortes están como estaban no verán?

-Exactamente. Temos tres horas ao día, pero non sempre se cumpren, porque hai atrasos. Moitas veces non son tres, son dúas e media, e 300 e pico de nenos en tres horas non poden estar ben atendidos, porque non hai marxe de tempo, e agora vén o inverno.

-Máis escaseza, daquela, cos catarros e demais.

-Si, porque ademais os nenos non deciden cando enferman, e polo xeral fano todos xuntos. E volvemos ao de antes: nesas tres horas non se van poder mirar todos.

-E que plans teñen agora?

-Agora mesmo seguimos á espera de resposta, e se nunha semana non temos nada, volveremos atacar. Faremos algo máis de ruído, porque non nos están facendo caso ningún. E non falo do centro de saúde, que eles son empregados, á fin e ao cabo.