«López Seoane tivo unha especial tentación por ser protagonista»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

ZAS

BASILIO BELLO

O Instituto José Cornide achegou algunhas pezas para a colección que se expón no Allo sobre a figura do naturalista. Del fala Xosé Antón Fraga, gran experto na vida e obra do ferrolán

26 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 18 de novembro pode visitarse nas Torres do Allo a exposición en homenaxe ao naturalista ferrolán Víctor López Seoane, un dos máis ilustres habitantes do pazo zasense. Xosé Antón Fraga Vázquez (A Coruña, 1950) dirixe unha das entidades, o Instituto de Estudios José Cornide, que achegou material a esta colección. É, ademais, un grande experto na vida e obra do naturalista.

-Interesante material o que pode verse estes días no Allo.

-Enviamos fundamentalmente escritos de Seoane, redactados precisamente dende ese mesmo pazo, que era unha das residencias que tiña. Alí botaba tempadas de verán e recibía naturalistas moi importantes, como foi o caso de Ragnar Hult. Seoane exerceu de interlocutor e estivo en contacto coa flor e nata da ciencia española e europea, e a exposición do Allo reflicte precisamente estes aspectos.

-Hai mesmo unha misiva enviada por Charles Darwin.

-Efectivamente tivo unha correspondencia con el. Falamos de Darwin porque foi moi coñecido, pero hai outros que hoxe non nos soan tanto, pero que no seu tempo eran primeiras figuras das ciencias naturais. E non se trata só da correspondencia, senón tamén o intercambio de seres vivos. De feito daba indicacións ás persoas que traballaban para el para que lle fosen recollendo animais.

-De non emparentar coa familia Riobó probablemente non podería ter desenvolto boa parte da súa investigación.

-Antes de casar el é médico interino da Armada en Ferrol. Dende un punto de vista profesional é certo que el non tiña un futuro especialmente prometedor. Esa posibilidade que logo tivo de viaxar por Europa, de recibir a xente tan importante e de intercambiar materiais é obvio que lle vén do casamento, claro.

-Víctor López Seoane deu nome a unha especie de víbora.

-Non a descobre el, senón que nun dos intercambios habituais que ten con Fernand Lataste este dáse conta de que a víbora que lle envía Seoane é unha especie nova, polo que na súa honra noméaa víbora de Seoane, vipera seoanei. Esta circunstancia non lle sentou moi ben, porque lle tería gustado descubrila el. Aí atopámonos con que Seoane, a pesar de ter recursos económicos, tiña limitados medios científicos. Ao fin e ao cabo estaba na súa casa, non nun ambiente no que puidese contrastar os seus achados. O drama del é o drama do «científico periférico», pese a tratar de compensalo coas súas viaxes. Pese a todo, identificou varias especies e recibiu varios premios.

-Pecaba Seoane dun desexo excesivo de protagonismo?

-Si, foi un home que tivo unha especial tentación por atribución de méritos, por ser protagonista e por figurar. Foi algo que mesmo por momentos podía resultar excesivo, porque estaba demasiado obsesionado por aparecer como un científico relevante. Iso levouno nalgunha ocasión a facer cousas máis ou menos criticables.

-Ese «científico da periferia» que necesita sempre probar dalgún xeito a súa valía...

-De feito cando estudaba pensa en deixar as ciencias naturais de xeito definitivo, pero volveu a animarse cando casou. Ademais, na relación con outros naturalistas importantes hai unha certa ambivalencia: el é quen manda os exemplares, pero os demais son os que teñen as ferramentas e os recursos para identificalas. El iso víveo dunha maneira moi pouco satisfactoria e nalgún momento fai algunha manobra pouco recomendable á hora de garantir o seu protagonismo. Isto terá moito que ver co seu propio carácter, pero tamén con esa circunstancia de vivir na periferia da ciencia. Nalgúns momentos sentiu que isto era moi duro de aceptar e entender. Hai que poñerse na pel desa persoa que sabe moito e ten moitos coñecementos, pero que está tan limitada.

-Só queda animar a pasarse polo Allo para ver a exposición.

-Estamos falando do naturalista máis importante que deu Galicia no século XIX. Un home de absoluta referencia e cun gran labor.