Cadolos


Ademais de nas tabernas ou nas casas, agora as cousas tamén se debaten nas redes sociais. Ben aproveitadas, poden enriquecer en moito aspectos. Non todo vai ser política, malos modos, acusacións dende o anonimato ou vídeos de animais ou de tortazos aos que non lle acabo de ver a graza. Si, xa sei que moitos venlla.

Para min, é enriquecedor falar das tarefas agrarias que formaron parte da nosa vida, sempre, e que están desaparecendo. Como no conto, para nunca xamais. Non, non volverán. Non levaremos as vacas diante do carro vello, nin sacharemos con elas, nin araremos como o fixemos. Falar delas, pero tamén velas en fotos ou aprender como se di tal elemento noutros sitios. Cando cheguei ao instituto Alfredo Brañas moito me sorprendera (e gustara) saber que determinada labores, para min de nome inmutable, dicíanse de maneiras que nunca escoitara. E a só 40 quilómetros. Ségueme pasando. Os cadolos, por exemplo. O que queda da espiga-mazorca de millo xa debullada. Cadolo de toda la vida. Pois non. Cadolo, carozo, cañoto polas terras da Costa da Morte. Gañoto, casulo, caroto ou cabucho por outras partes de Galicia. E cadolo por Zas, pero tamén polos límites de Vimianzo e, atención, por Fisterra. O que eu chamara unha vez os ríos da fala, serpeantes, que levan con eles expresións e verbas a lugares que non están na beira, nin teñen relación histórica. Como as castañas por patacas, que atopas nalgún lugar da comarca fisterrá, tamén en parte de Zas ou por Seavia (e non toda Seavia). E así, con moitas. Non perdemos só unha palabra: deixamos escapar un pequeno universo léxico en ben delas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Cadolos