«Ter a Sés e Xabier é unha satisfacción»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

ZAS

ANA GARCIA

Zas agarda xa pola Festa da Carballeira: por agora, teñen en marcha a Semana Cultural. Fala Fidel Otero

31 jul 2018 . Actualizado a las 21:44 h.

Non é algo que se poida explicar con palabras, pero séntese. Cando se achega a Festa da Carballeira de Zas -este ano, 35.ª edición- hai por alí un ambiente especial. Comezou a conta atrás. Este pasado domingo botou a andar a Semana Cultural e con ela irán avanzando os días ata chegar a venres e sábado, xornadas grandes dun festival que é referente. Fala o seu director, Fidel Pazos Otero (Zas, 1968). Conta, por exemplo, que vai indo en aumento a feira de artesanía, este ano con 25 ou 30 postos confirmados de todo tipo, e tamén que os nenos terán un espazo infantil propio. O sábado, dende as 12.00, poderá presenciarse asemade unha demostración de talla e escultura con motoserra, a cargo de Marcos Mariño, e tampouco faltará a xa tradicional mexilloada (sábado). Dentro do recinto da Carballeira, racións variadas a prezos populares. Séguese co vaso ecolóxico: «Todo son beneficios, para o festival, para os Concellos e entidades organizadoras e tamén para os propios consumidores», di Fidel.

-¿Como arrincou a Semana Cultural deste ano?

-Moi ben. A verdade é que o domingo o auditorio estivo cheo para ver a Sen Tempo Teatro, grupo da Escola Municipal. Arrancamos con boas expectativas. Sobre todo teñen moito seguimento as obras, os monólogos... pero tamén as visitas que facemos. As rutas polo patrimonio arqueolóxico [comezan hoxe mesmo].

-¿E os preparativos da festa?

-Aí andamos, con postos, pancartas, escenarios e demais. Estes días o espazo da Carballeira é un fervedoiro, un continuo pasar traballadores para arriba e abaixo. Entre a Semana Cultural, talleres, obradoiros, obras de teatro, visitas e os preparativos para a festa en si, agárdanos unha semana intensa. Só queda agardar que pase ben: que chova hoxe e máis mañá e, despois, adeus [ri].

-Seica dan bo tempo.

-Si, iso parece.

-Debe de ser das semanas máis intensas do ano en Zas, se non a que máis, precisamente.

-En canto a volume de actividades e demais, seguramente si que sexa a de máis traballo.

-¿Que destacaría do cartel deste ano? Xabier Díaz e Sés, como cabezas de cartel da edición.

-Si, sobre todo eles, pero tamén Mànran (Escocia), por exemplo. Non son moito de destacar uns sobre outros, pero se tivese que dicir algún, si que serían Xabier e Sés. Os dous teñen unha vinculación moi grande coa zona: ela xa é de Bergantiños, e el tamén andou moi por aquí, dando clases, facendo recolleitas... Por tanto, para nós é unha satisfacción. Estamos convencidos de que van arrastrar moito público. Os dous teñen tirón.

-¿Xa levaban tempo detrás dos escoceses Mànran?

-Si, as intencións xa estaban aí, en anos anteriores. Pero este ano puido ser e casamos ben os grupos.

-¿Hai algunha diferenciación especial por música os dous días?

-Este ano, o venres, pecharán The Fatty Farmers, que son así un pouco mestura, un pouco folk granxeiro-rock, algo cañeiro, e está a propia Sés. Daranlle un toque máis rock ao festival. Aínda así, o sábado tamén remataremos con Astarot, pero teremos para un público máis tranquilo a Caxade na sesión vermú ou a Xabier Díaz pola noite.

-Harmonica Creams deben de ser os primeiros nipóns na Carballeira.

-É posible, polo menos para tocar. Non sei se nalgún grupo ten habido algún xaponés, pero como grupo en conxunto é a primeira vez. Sorprenderán, seguro.

-¿E a venda de entradas?

-Séguense vendendo por Ticketea ata o día antes, ata o xoves á noite. O venres xa haberá que mercalas en taquilla. Anticipadamente só se poden mercar bonos, para os dous días, a 12 euros. En taquilla venderanse bonos (serán a 15) e entradas individuais: o venres, 10 euros e, o sábado, 8. Nos últimos días estase movendo bastante a venda anticipada.

-¿Novidades na acampada?

-Farase onde o ano pasado, pero si imos intentar delimitar unha zona para autocaravanas na explanada do centro sociocultural, ofrecéndolle os servizos que precisen.

-¿E este ano o tema axudas? Teñen a Estrella Galicia como patrocinio.

-Si, e a liña para festivais da Deputación da Coruña, para nós importantísima. Logo está tamén, claro, o Concello de Zas, a nivel de infraestruturas, apoio e traballadores. Sen iso sería practicamente imposible levalo a cabo.

En detalle

Actos da Semana Cultural, hoxe. Ás 12.00, música con Pablo Díaz: «Tic Tac Toc, Canta Comigo». Saída da visita polo patrimonio arqueolóxico zasense ás 15.30 horas: Pedra Vixía, Arca da Piosa, Brandomil... Seguen pola tarde os talleres de percusión, baile e fotografía creativa. Ás 18.00, obradoiro de xeados saudables. Ás 21.30, monólogo de Marcos Pereiro: «Como ser un armario empotrado».

Concertos do venres 3 de agosto. Na Carballeira, das 21.30 horas en adiante, folk con raíces galegas, toledanas e irlandesas: Pelepau, Niamh Charra, Sés e The Fatty Farmers.

Programa do sábado 4 de agosto. Sesión vermú con mexilloada popular, zona infantil, música de Caxade e Os Farrapos e Cé Orquestra Pantasma. Ás 18.30, Gran Foliada na Carballeira. Pola noite, concertos de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre; Harmónica Creams; Mànran; e Astarot.