Entregados os premios Fouciño, que se quedan en Zas, no colexio de Baio e nun coruñés

La Voz CARBALLO / LA VOZ

ZAS

BASILIO BELLO

Gabriel Bouzas levouse o galardón na categoría aberta

02 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A terceira edición dos premios Fouciño, organizados polo Concello de Zas coa colaboración dun grupo de mozos e mozas, chegou á súa fin. Foi o sábado, coa proxección das curtas finalistas e a entrega de premios, que se levou a cabo en Casa Ovidio de Baio ante uns 150 asistentes. E foi, sobre todo, coa entrega de premios, nas súas tres categorías.

Na aberta, con 700 euros de premio e mais trofeo, o gañador foi o zasense Gabriel Bouzas Nieto, por O silencio das orquídeas. Na categoría de centros de ensino (300 euros máis trofeo) impúxose o traballo Irrealidade definida, do instituto Agra do Orzán da Coruña.

Finalmente, o premio do público, merecedor dun trofeo, foi para a curta A mellor sopa do mundo, do colexio Labarta Pose de Baio.

Gabriel Bouzas, o vencedor na categoría aberta, sinalou que o seu traballo é «un canto á esperanza, coa actitude da neta, e coa orquídea como fío condutor». Fala dunha avoa, que sufre as actitudes machistas, «e cabe a esperanza ao final da historia».

Fin de festa

Ademais da entrega de premios, o remate da festa a unha semana intensa foi a actuación de catro grupos de música alternativa. O aceso foi de balde, igual que as proxeccións.