A copla popular «Ai do Allo, ai do Allo»

E. Domínguez / X. M. Lema CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Ana Garcia

A disputa entre Antonio de Rioboo e Diego Cernadas, cura de Fruíme, inspirou a famosa copla «Ai do Allo»

24 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Segunda entrega da crónica histórica da máis monumental das parroquias do concello de Zas: O Allo. Mentres que a primeira estivo dedicaba sobre todo ás famosas Torres e ás súas etapas construtivas, nesta segunda falamos da construción da igrexa parroquial, unha das poucas renacentistas da zona, sen nos esquecer doutros elementos como o novo cemiterio, o novo cruceiro do adro ou os restos de varios muíños dos Rioboo no río do Porto, datados no século XVII.

De particular interese son agora as biografías de persoeiros que habitaron as Torres, un deles o cóengo e historiador compostelán Antonio de Rioboo y Seixas, autor do poema La Barca más prodigiosa (1728) dedicado á Virxe da Barca. Outro inquilino de sona foi Víctor López Seoane, o principal naturalista galego do século XIX, esposo de Francisca de Rioboo, a dona. Nunha das casas abandonadas do lugar do Curro estaba a escola na que deu clase, de 1910 a 1916, a mestra rianxeira Pura Sánchez, nai do poeta Manuel Antonio.

Así e todo, o que vai suscitar maior curiosidade é o asunto da copla «Ai do Allo, ai do Allo / ai do Allo, ai da Cebola...», coñecida na literatura galega desde mediados do século XVIII porque motivou unha coñecida glosa en galego de Diego Cernadas y Castro, o xa daquela famoso cura de Fruíme (Lousame), contra o citado Antonio de Rioboo.

Non foi nada doado dar coa causa desta disputa dialéctica, mesmo virulenta, entre os dous sacerdotes. Seguindo ao investigador Pardo de Neyra (2002), soubemos que a orixe da liorta estivera no chamado «rezo de Clavijo», unha oración elaborada en 1750 para enxalzar a faceta guerreira de Santiago na catedral compostelá. Rioboo e Cernadas, que foran amigos, convertéronse nos voceiros das dúas partes enfrontadas do Cabido catedralicio da cidade do Apóstolo, celosas pola atribución do mérito da concesión do rezo polo papa. A cousa pasou a maiores en 1752, cando o altivo Antonio intentou desacreditar a Diego por ser «un cura con resabios de gallego», debido á súa condición de cura de aldea e tamén porque este adoitaba escribir en galego boa parte das súas poesías.

O feito de que o cóengo fidalgo do Allo parecía renegar da súa condición de galego e desprezaba o uso do idioma de Galicia na escritura deu pé á reacción do párroco de Fruíme, que, inspirándose nunha copla que daquela xa debía ser coñecida por Galicia adiante (a citada Ai do Allo), compuxo en resposta contra o seu opoñente unha glosa que tamén se faría famosa, a que comeza con «Meu Antón, no que parolas / en copras mal coziñadas...» Véxase o texto da retranqueira glosa, que publicamos ao completo na páxina web municipal www.concellodezas.org.

Sabemos que por volta de 1940 e 1950 a mocidade do Allo aínda cantaba a copla nas festas. A pregunta é se aínda segue viva hoxe en día, co cal estariamos ante unha cantarea popular de máis de 250 anos de antigüidade, creada, segundo o cura de Fruíme, na propia freguesía do Allo.