O fouciño xa está listo para proxectar moito audiovisual

paula vázquez CARBALLO/ LA VOZ

ZAS

Ana Garcia

A xornada central será o sábado 30 de xuño. O prazo para presentar os proxectos audiovisuais segue aberto ata finais deste mes

22 may 2018 . Actualizado a las 12:34 h.

A terceira edición dos premios Fouciño xa está á volta da esquina. Baio converterase de novo durante a última semana do mes de xuño no punto de referencia para o sector audiovisual galego, ademais de para os afeccionados á música alternativa, xa que o programa preparado pola organización deste evento incluirá varias actuacións en vivo.

A xornada central será o sábado 30 de xuño, pero durante toda esa semana, do 25 ao 29, haberá diferentes proxeccións audiovisuais en diferentes localizacións da vila que permitirán ao público baiés ver documentais ata agora inéditos na zona, como Pelegrinaxes, de Simone Saibene, documental baseado nun libro de Otero Pedrayo; A historia dun satélite, longametraxe dirixida por Also Sisters, dúas irmáns de nai galega; Costa da Morte, de Lois Patiño; Fóra, feito por un colectivo contra a contaminación de Ence e Deuteronomonio, de Marta Piñeiro, entre outros.

Un dos pazos máis antigos e emblemáticos de Galicia, as Torres do Allo en Zas, acolleron onte a presentación oficial da terceira edición destes premios que, segundo indicou entre risos a xornalista Mabel Montes, unha das organizadoras, «naceron un pouco dunha arroutada». Así mesmo, Montes explicou que este ano o festival quere medrar un chisco máis, e para isto dividirase en dúas categorías: unha centrada en charlas en centros educativos de toda Galicia e, a outra, nas creacións audiovisuais de xente dedicada ao sector. Neste sentido, a comunicadora, que fixo fincapé na dimensión feminina dos premios deste ano, amosouse agradecida co apoio económico recibido polo Concello de Zas, que pasa a asumir a organización e orzamento do evento. «Seguiremos apostando pola continuidade dos Fouciño», dixo Manuel Muíño, alcalde de Zas, antes de que Mabel lle dera paso ao padriño desta edición, o actor malpicán Santi Romay, que animou á xente a visitar Baio durante os días do certame.