Tradicional sementeira en Zas

paula vázquez CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Membros da Asociación de Amigos do Liño aproveitaron o bo tempo para botar a planta á terra

09 may 2018 . Actualizado a las 22:31 h.

Un grupo de persoas da Asociación Amigos do Liño realizaron o luns pola tarde nunha leira do lugar de Os Regos, en San Cremenzo de Pazos, en Zas, un dos rituais máis tradicionais de todos cantos se levan a cabo no campo: a sementeira do liño. Unha actividade que, tal como afirma Carmen Riveiro, presidenta da entidade zasense, acumula anos de tradición na comarca: «Para nós esta sementeira é a número 25», di.

Unha sementeira que tamén supón un verdadeiro esforzo e, sobre todo, cansazo. «Todos o traballos supoñen unha fatiga, e canto máis os fagas, máis se nota. Ao principio facíalo con moita alegría e ilusión, que van a menos segundo pasan os anos, non só polo choio senón pola sociedade, vivimos nunha época na que nos aburre todo e non se valoran certos esforzos por manter a tradición», sostén Carmen.

A mellor época para plantar é a da primavera, aproveitando que a terra xa secou logo de días de chuvias que asolagaron os campos de cultivo. Así, cos apeiros de labranza na man e un sombreiro para resgardarse do sol, os veciños deixaron caer as sementes pola terra, co obxectivo de recoller os froitos a finais do mes de agosto ou principios de setembro. «Todo dependerá do tempo que faga, agora aproveitamos estes días porque está seco», engade Riveiro.

Ana Garcia

Para a zasense Carmen Riveiro, o liño ten moitas propiedades

Ademais de ser unha materia prima para a artesanía, para a presidenta da asociación Amigos do Liño, esta planta ten un valor engadido, así coma moitas propiedades: «No Castelo de Vimianzo temos unha exposición permanente durante todo o ano, na que ofrecemos produtos elaborados con liño. Vendemos, entre outras cousas, aceite, crema para o pelo e xabóns. Por outro lado, coa semente do liño tamén se poden alimentar animais como as vacas. É, tamén, un verniz ecolóxico ou bo cataplasma en determinadas doenzas», explica.

Equipo

Carmen non estivo soa o luns. Canda ela, catro membros máis da xunta directiva desta entidade: Elida, Merche, Rubén e Mercedes. «Todas as tarefas que facemos son en grupo. Co tractor, redúcese a xente», aclara Riveiro. Xuntos encárganse de elaborar toda a artesanía que comercializan ao longo de todo o ano. Agora, toca esperar ao verán para ver que tal saíu a colleita.