Comeza o Mes das Letras en Zas, unha celebración do 17 de maio

La Voz CARBALLO / LA VOZ

ZAS

BASILIO BELLO

Polo Correo do Vento abre hoxe cun obradoiro o calendario de actividades

02 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • O Concello de Zas deu a coñecer onte o programa de actividades -todas gratuítas- co que conmemorará as Letras Galegas nos centros educativos, nas bibliotecas e tamén nos auditorios. Música, lectura, teatro e creatividade integran este «Maio, Mes das Letras 2018» que bota a andar hoxe no CPI de Zas (10.00) e no CEIP Labarta Pose de Baio (13.00) con «Polo correo do vento. María Victoria Moreno, unha historia de amor». Trátase dun obradoiro creativo.

Trinke Trinke Teatro (días 8 e 22 de maio), unha sesión musical con Oviravai (15 de maio), Fantoches Baj e a súa obra «Mensaxes do mar» (mesma xornada), e o concerto As párabolas de Pakolas, con Paco Cerdeira (23 de maio), están entre as propostas máis destacadas. Por décimo ano, por outra banda, o Concello convoca o seu tradicional concurso de marcapáxinas, no que a temática ha de ser referente a María Victoria Moreno, protagonista das Letras Galegas deste ano. Poden participar os alumnos dos centros do municipio e os traballos hanse de presentar antes do día 16. As bases están dispoñibles na web municipal.

O ciclo cultural «Maio, Mes das Letras 2018» rematará en Zas coa entrega dos premios da terceira Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, que segue adiante, e coa clausura da Escola de Teatro Infantil.