A democratización do saber, un paso máis preto

La Voz

ZAS

Ana Garcia

Sesenta e cinco alumnos de toda a Costa da Morte participan estes meses nun proxecto formativo piloto

05 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrar onte no auditorio baiés traía reminiscencias daqueles primeiros días de curso no instituto. Un bule bule continuo, un non saber que profesores tocarán, ou con que compañeiro haberá que sentar. Neste caso, no canto de adolescentes, onte eran maiores de 50 anos os que agardaban ansiosos o inicio do primeiro dos seminarios que compoñen o programa formativo impulsado pola Universidade da Coruña para a Costa da Morte.

O proxecto piloto da Universidade Sénior non puido ter un mellor arranque: sumado ao esgotamento das prazas (mesmo houbo que amplialas para dar cabida a semellante demanda), onte eran moitas as facianas de ilusión e ambición por aprender que daban conta, mesmo antes de que dese comezo, do éxito rotundo, xa palpable, desta iniciativa.

Democratización do saber, leva por subtítulo un proxecto que pretende «achegar o coñecemento á zona rural e sacalo das catro paredes da Universidade», explicaba onte a directora da Universidade Sénior, Matilde García, que tamén salientaba a idoneidade deste tipo de accións á hora de «camiñar deica un envellecemento activo da poboación».

O obxectivo, dende logo, parece estar máis ca cumprido. Pese a que a idade mínima para inscribirse foi fixada nos 50 anos, a heteroxeneidade que puido verse onte no auditorio baiés dá conta de que a formación interesa a tódalas idades, e a persoas de diferente currículo formativo. A maioría mulleres, iso si, pero non é unha circunstancia illada, pois do cerca dun milleiro de alumnos cos que conta o programa no campus, a porcentaxe de homes non supera o 30%.

Porén, o interese foi ecuánime. Bolígrafos, cadernos -e mesmo gravadoras- en man para non perderse nin un detalle, daba comezo pasadas as cinco da tarde o seminario impartido polo profesor Fernando Agrasar: Arte e patrimonio. Pero non un patrimonio calquera, senón o da Costa da Morte. Esa foi, precisamente, unha das premisas que se tiveron en conta á hora de confeccionar os programas: que se adaptasen en todo momento aos intereses do público participante.

Á falta de coñecer o desenvolvemento desta acción formativa, a positiva resposta inicial leva a presaxiar un éxito que asegurará, se todo vai ben, unha continuidade á iniciativa, e mesmo unha posible exportación a outras comarcas da provincia.

«Proxecto moi relevante á hora de dar visibilidade ao rural a través do coñecemento», expresaba o deputado Ricardo García Mira, quen tamén quixo achegarse á presentación da Universidade Sénior, celebrada onte nas Torres do Allo, da que tamén tomaron parte o alcalde de Zas, Manuel Muíño, a vicerreitora da UDC, Nancy Vázquez, e a directora do programa, Matilde García.

O primeiro dos seminarios, sobre arte e patrimonio, é impartido por Fernando Agrasar