Enrique Labarta Pose inspira novas iniciativas ás entidades culturais e sociais de Baio

Como xa sucedeu coa Fundación Pondal, as entidades baiesas pediranlle unha entrevista ao ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo


carballo / La Voz

A comisión de Cultura do Congreso de Deputados aprobou o pasado 24 de outubro unha proposición non de lei presentada polo parlamentario socialista Ricardo García Mira na que se insta ao Goberno a apoiar medidas de homenaxe e divulgación da vida e da obra de Eduardo Pondal e Enrique Labarta Pose. Froito deste acordo, onte celebrouse unha xuntanza nas escolas Agra Regueiro de Baio co fin de darlle forma ao proxecto para que o acordo teña efectividade real.

Estiveron reunidos Jorge Mira, portavoz da plataforma que pretende un Día das Letras Galegas para Labarta; Xosé María Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais; Ramón Fuentes, de Tabeirón; Martina Rodríguez, de Adro; Ricargo Vigueret, de Badius, e Chema Rei, así como o alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o edil de Cultura, Manuel García Velo. Todos eles contaron con Ricardo García Mira para lles explicar o contido da proposición aprobada no Congreso de Deputados e ofreceuse para informar e asesorar nas xestións correspondentes. Ao mesmo tempo, explicou que a súa compañeira de partido Loli Toja presentou no Parlamento de Galicia unha proposta similar para o recoñecemento e a divulgación da obra labartiana.

Como xa sucedeu coa Fundación Pondal, as entidades baiesas pediranlle unha entrevista ao ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, co fin de trasladarlle un proxecto con iniciativas dirixidas a divulgar o legado literario e xornalístico de Enrique Labarta, así como dar a coñecer a súa personalidade e o seu tempo. Insistiron, ao mesmo tempo, en levar a cabo unha programación permanente de actividades labartianas co propósito de manter viva a chama da súa obra. Os representantes das entidades acordaron traballar todos na mesma dirección.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Enrique Labarta Pose inspira novas iniciativas ás entidades culturais e sociais de Baio