Aproveitamento do patrimonio cultural: ¿por que se tardou tanto»

Xosé Mª Lema

ZAS

27 sep 2017 . Actualizado a las 14:40 h.

Convidado pola organización do segundo Simposio Dolmen de Dombate estiven o pasado día 21 moderando a mesa redonda A dinamización do patrimonio provincial na Costa da Morte, na que participaron os alcaldes de catro concellos que xestionan bens pertencentes á Deputación da Coruña: Forno do Forte (Malpica), Dolmen de Dombate (Cabana), Torres do Allo (Zas), Batáns do Mosquetín e Castelo de Vimianzo. Xa informou La Voz (22/9) do que se falou. Aburado polo tempo resumín o contido dun artigo que publicara en La Voz o 26-10-1990 (hai case 27 anos!) co título O potencial turístico da Costa da Morte está mal aproveitado. Escribírao despois dunha excursión pola Bretaña francesa, terra atlántica de clima ben semellante ó noso que recibía turistas a milleiros «pola súa historia, tradicións, as súas paisaxes e a súa equilibrada arquitectura popular».

Ademais do seu riquísimo megalitismo, falaba da existencia dunha Costa do Granito Rosado inzada de penedos desa cor, e dicía que nós tiñamos aquí unha área aínda mellor: os Penedos de Pasarela e de Traba. En Tregastel, un muíño de mareas musealizado daba postos de traballo a uns mozos (establecía unha comparanza co infame abandono dos batáns do Mosquetín, daquela en ruínas, sen sequera unha luz para alumealos). Remataba dicindo que se se potenciaba o noso patrimonio cultural a Costa da Morte podería ser o terceiro lugar de visitas de Galicia.

Completei a miña intervención traendo á memoria datas que falan por si soas: por exemplo, que o dolmen de Dombate botou de 1989 a 2006 (máis de 16 anos!) desprotexido e mal cuberto cunha insulsa lona de plástico (o famoso ‘burka’); que o Parque de Megalitismo, prometido pola Xunta para a zona desde o 2001, aínda hoxe «nin está nin se lle espera»; que os Penedos foran declarados Paisaxe Protexida polo Goberno galego (DOG do 14-1-2009), pero seguen a monte sen se poñeren en valor; que para salvar o conxunto dos batáns e muíños do Mosquetín membros das asociacións soneirás tivemos que loitar máis de vinte anos (desde 1985) contra a mesmísima Dirección Xeral do Patrimonio, que na resolución do 26-6-1997 se negara a declarar BIC o conxunto, en contra dos informes dos expertos.

Felipe Senén

Se se restaurou O Mosquetín, o Forno do Forte e as Torres foi grazas a que en 1997 estaba de director da Xestión Cultural da Deputación alguén tan resolutivo coma Felipe-Senén López Gómez. A saber se teriamos estes tres bens tan preciosos de non estar esta persoa no sitio preciso e no momento oportuno. Que un saiba, nada lles debe a Costa da Morte ós sucesivos directores xerais de Patrimonio.

Certo que a xente que estivo loitando -mesmo contra a Administración- polo noso rico patrimonio arqueolóxico, histórico-artístico, etnográfico, paisaxístico… está agora medianamente contenta. Mais, porque se tardou tanto en poñelo en valor e por que aínda non está todo o que debera estar? Pregunta retórica para a reflexión.

Xosé María Lema é historiador e presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, o Semescom.