«Creo que o tenis de mesa é un deporte que está en crecemento»

Verónica Couto / Marta López

ZAS

BASILIO BELLO

O zasense Miguel Rey Amarelle adestra dende maio á selección autonómica da modalidade, que estivo concentrada no pavillón zasense preparando a próxima competición oficial

01 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cuunha experiencia duns seis anos como adestrador dos equipos locais, e outros tres dando indicacións a conxuntos de Vimianzo, A Baña ou Santa Comba, Miguel Rey (Zas, 1993) é dende maio o novo seleccionador galego de tenis de mesa. Esta semana recibía aos seus pupilos no pavillón do colexio de Zas.

-O pasado martes foi recibido no Concello xunto cos xogadores.

-Si, estivemos co alcalde e co tenente de alcalde. Veu tamén un representante da Federación. O certo é que os rapaces están tendo un moi bo comportamento. O malo é este tempo tan malo que nos veu estes días, que non lles deixa coñecer moito máis o pobo.

-¿Canto tempo leva ao fronte da selección galega?

-Levo con ela relativamente pouco tempo, dende finais do mes de maio. Estes días estamos preparando un campionato interterritorial que teremos os días 9 e 10 do próximo mes en Valencia de Don Juan, na provincia de León.

-¿Por que son tan necesarias estas concentracións periódicas de todos os membros do equipo?

-Cada un adestra nos seus respectivos clubs, pero ben é certo que se precisan este tipo de xornadas de convivencia para crear grupo. Buscamos ter unhas ideas en común e facer un grupo compacto. Necesitámolo para sumar así máis puntos en equipo.

-¿Durante canto tempo estiveron reunidos os xogadores?

-Só dous días [martes e mércores], porque eles tamén teñen torneos cos seus equipos e non é bo cargalos de moito traballo. Hai rapaces de sete ou oito anos e non convén forzalos moito.

-¿Cales son as súas expectativas de cara a esa competición que está a piques de celebrarse?

-Imos buscando subir ao podio. É un torneo individual, pero que computa para probas de grupo, e eu penso que temos posibilidades de subir ao podio, sobre todo nas categorías máis altas, xa que levamos moi boa representación.

-¿Puido verse algún xogador zasense entre os convocados?

-Nesta ocasión non haberá. Os xogadores de Zas xusto esta temporada pasaron a unha categoría superior -por exemplo de infantil a xuvenil- co cal téñeno máis complicado que outros xogadores que levan máis tempo adestrando e competindo nesas categorías.

-¿Cal cree que é a situación que está a atravesar este deporte?

-Eu creo que o tenis de mesa é un deporte que está en crecemento. Oxalá se puidese lograr algo similar ao que se está facendo co pádel: facer ligas en zonas próximas entre si, porque iso é o que engancha. Ademais, tamén teñen un horario un pouco máis libre, sen ter que estar atado a xogar a determinadas horas. Simplemente ponse de acordo cando lles vén ben xogar. Estaría ben lograr unha liga de afeccionados por toda a Costa da Morte.

-Un proxecto a curto prazo que podería ser máis que factible.

-Si, hai moita xente que probou a xogar ao pimpón -como é coñecido popularmente este deporte- e estou seguro de que a moitos deles lles gustaría seguir probando sorte e participar en ligas de afeccionados: ver como xogan outros e seguir aprendendo.