«Os que usamos linguas minoritarias é porque nos gustan e cremos nelas»

O cantautor fonsagradino ofrecerá o domingo un concerto nas Torres do Allo


Carballo / La Voz

A música centrou boa parte da vida do cantautor Xoán Curiel (Fonsagrada, 1975). Con catro álbumes de estudio ás súas costas e unha longa traxectoria artística, pechará o domingo o programa de actividades culturais das Torres do Allo cun concerto no que estará acompañado pola vocalista Iris Gey.

-¿Que veremos o domingo?

-Presentaremos un proxecto de pequeno formato, chamado Ao encontro de Martín Codax, no cal facemos unha reinterpretación das cantigas do Pergamio Vindel. Pero tamén incorporaremos algún tema propio, dalgún dos meus discos, así como algunha versión dalgún tema coñecido, para atraer a atención do público que asista ao concerto.

-Non actuará só, senón que estará moi ben acompañado.

-Si, estarei con Iris Gey, que é a cantante coa que comparto este proxecto de Martin Codax dende fai dous anos e que ten unha voz verdadeiramente espectacular. Eu estou polo xeral de base harmónica, aínda que tamén incorporo a miña voz. Alternamos momentos nos que ten ela máis presenza con outros nos que combinamos ambas voces para darlle máis riqueza e color ás pezas.

-¿Que sente un ao actuar entre paredes cheas de historia?

-En Galicia temos a gran sorte de ter moitos emprazamentos que son moi máxicos para este tipo de actos. O que vexo é que cada vez máis concellos están apostando por este tipo de actos, celebrados en lugares de interese, que fan gozar deste patrimonio dunha forma máis intensa. No Allo, ademais, estanse levando a cabo iniciativas moi interesantes, como as visitas teatralizadas cos Quiquilláns. Unha compañía coa que, por certo, traballei.

-Entón será un reencontro moi especial o que vivirá o domingo.

-Si, cando rematei a miña formación como actor estiven polo menos dez anos traballando con eles. Velos alí -nós empezamos xusto cando rematan eles- vai a ser todo un regalo para min.

-¿Como se porta o mercado cun cantautor que escribe en galego?

-En liñas xerais, a música é un territorio moi complicado e copado polas grandes multinacionais. Os que traballamos coas linguas minoritarias é porque nos gustan e cremos nelas. A homoxeneización da cultura, que leva consigo a perda da diversidade cultural, entristéceme moito. Pero bueno, moitos estamos aí resistindo por abaixo. Hai moitos músicos comezando a xurdir.

-¿De onde vén a inspiración que o conduce a compoñer?

-Eu creo que, como a moitos artistas, inspírome moito no meu entorno: o que sucede nese momento histórico, o que me pasa a min, o lugar preciso no que estou a compoñer... O meu próximo disco, por exemplo, terá moito que ver coa lusofonía porque fixen moitas viaxes a Brasil e Portugal, ademais de que tiven contacto con artistas desas zonas.

-¿Como evolucionou a súa música dende ese primeiro álbum de estudio que lanzou hai oito anos?

-Pois eu creo que, co tempo, fun compoñendo dun xeito máis sinxelo. Eu téñolle moito cariño ao meu primeiro disco, pero tamén me dou conta de que o usei para botar para fóra todo o que fora acumulando durante anos. Foi un álbum un pouco rococó ao que lle falla un pouco a estrutura. De feito, moitos amigos meus preguntábanme: ‘Onde están os estribillos neste disco?’. Agora creo que estou máis depurado e que collín máis oficio despois de tantos anos nas estradas.

-Moitos dos seus temas están presentes en plataformas dixitais, como «Spotify». ¿Cre que é unha solución factible, ou só funcionarán a curto prazo?

-Pois non son capaz de imaxinar como será o futuro. Ademais, como cada vez todo vai máis rápido, é difícil seguirlle a pista. O que está claro é que o formato CD está próximo a rematar. En canto á distribución dixital, cando un está apoiado por unha gran empresa, si que logra unha recadación importante. Os demais, independentes, resistimos coa venda de discos e nos directos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

«Os que usamos linguas minoritarias é porque nos gustan e cremos nelas»