Santiago de Loroño, en Zas, unha parroquia de grande interese artístico

Evaristo Domínguez Rial e Xosé María Lema

ZAS

Clara López

No tocante á arte, a igrexa parroquial conserva no seu interior tres retablos de boa feitura

16 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A parroquia protagonista da sección Zas polo miúdo da web do Concello de Zas é a de Santiago de Loroño. Ademais dos datos de carácter xeográfico, demográfico e histórico, cómpre salientar que o propio nome da parroquia é un unicum, pois non existe outro lugar así chamado en toda a xeografía española. Quizais teña unha orixe semellante ó Leroño (Santa María) do concello de Rois; en cambio, malia a semellanza gráfica, a súa etimoloxía nada ten que ver coa da cidade de Logroño (capital de La Rioja).

Coma outras, esta parroquia ben merece unha visita. No tocante á arte, a igrexa parroquial conserva no seu interior tres retablos de boa feitura, quizais obra de reputados mestres composteláns. O maior é de estilo neoclásico, de finais do século XVIII; está presidido por un Santiago peregrino, o patrón.

Os das capelas laterais son máis antigos. O da norte, dedicado á Virxe do Socorro, quizais se fixo entre 1740 e 1750; é de estilo barroco, do tipo de marquetería ou de estípites. O da sur, dedicado ás Ánimas, é tamén barroco, pero máis ben uns anos despois de 1750; está presidido por un relevo de san Francisco salvando ánimas do purgatorio.

En Loroño atópanse as Torres de Romelle, un dos mellores conxuntos pacegos da Terra de Soneira e de toda a Costa da Morte: tanto polo propio edificio coma polos seus fermosos xardíns de traza xeométrica. As torres foron propiedade da familia nobre dos Caamaño, orixinaria do Barbanza (a súa residencia principal estaba en Goiáns-Boiro). Un dos seus membros pagou, en 1719, o retablo lateral de san Xoán Bautista da Barca de Muxía (que, afortunadamente, non se viu afectado polo incendio da Noiteboa de 2013). Outro membro desta familia, Juan José Caamaño y Pardo (1761-1819), señor de Romelle, noveno conde de Maceda e Grande de España, creou ás súas expensas, contra 1809, o Rexemento de Maceda para loitar contra os franceses.

Rematamos cun resumo da historia do club de fútbol Calor H.D., fundado en 1968 por Xosé M. Cundíns, daquela párroco de Santo Adrián do Castro e de Loroño.