Tres decenios buscando a vaca ideal

xoán. r. alvite MAZARICOS /CORRESPONSAL

ZAS

alvite

O experto asegura que a ubre a as patas son as partes máis valoradas nunha produtora de leite

07 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

José Moreira, natural de Zas e residente en Carballo, leva máis de media vida metido entre vacas de leite. Sempre dende Africor-Coruña, a Asociación de Criadores de Frisón para o Control Oficial de Rendementos, comunmente coñecida como Control Leiteiro, case 25 anos de director técnico. Tempo suficiente para converterse nun dos principais coñecedores da realidade láctea da Galicia, sobre todo na formación e na mellora xenética. Aspectos que, precisamente, se xuntaron na 22º. Escola de Xuíces Gandeiros, organizada pola Federación Frisona Galega (Fefriga), e coordinada polo propio Moreira. Por distintas razóns, levaba case dez anos sen celebrarse.

«Dende o punto de vista persoal, teño que recoñecer que esta actividade foi altamente enriquecedora e, neste sentido, teño que agradecer aos distintos africores, as granxas participantes, e a propia Consellería do Medio Rural todo o apoio que me prestaron para que todo saíse ben. Só espero que os alumnos que asistiron a aproveitaran ao máximo».

Explica que é: «É unha actividade formativa na que se intenta transmitir ao alumno asistente cal sería a morfoloxía ideal para unha vaca produtora de leite. Desde a ubre, a parte máis importante e que representa o 40 % da valoración total, ata o costillar, pasando polas patas ou pola forma do pescozo. Valórase absolutamente todo», explica. Ao mesmo tempo, recoñece que a espectacular modernización que sufriu o sector lácteo nos últimos anos fixo incluso que, co paso dos anos, cambiase o prototipo do que debe ser a «vaca ideal» que buscan conseguir a maioría das granxas. «Antes valorábanse unhas cousas e agora outras distintas. Por exemplo, antes queríanse vacas moi grandes, con moita capacidade para inxerir alimento e agora míranse máis outros aspectos como a ubre ou as patas. Factores que incidan positivamente na produción do animal pero tamén na súa lonxevidade», engade.

Os 85 alumnos, procedentes das principais comarcas leiteiras de Galicia e incluso doutras rexións produtoras como Cataluña ou o centro de Portugal, tiveron a ocasión de visitar e valorar o gando de varias explotacións punteiras de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Nelas cualificaban morfoloxicamente aos distintos animais.

«Esta é unha actividade moi práctica que, habitualmente, lle gusta moito aos gandeiros, porque existe un contacto constante e directo cos animais. De todos xeitos, tan importante como é o feito de aprender sobre morfoloxía frisona creo que é a convivencia de todos os gandeiros durante a semana que dura a escola», apunta.

Por outra parte, a Semana Gandeira celebrararse en Mazaricos, e Moreira Pardiñas, como responsable de Africor-Coruña, figura como co-organizador. «Este ano terá lugar entre o 27 de novembro e o 3 de decembro, e haberá novidades importantes con respecto a edicións anteriores.