«O noso único problema económico é non poder gastar»

Manuel Muíño Espasandín (Baio, 1962) leva un decenio ao fronte da alcaldía de Zas e xestiona nestes momentos a súa segunda maioría absoluta


Manuel Muíño Espasandín (Baio, 1962) leva un decenio ao fronte da alcaldía de Zas e xestiona nestes momentos a súa segunda maioría absoluta co BNG, do que ademais é deputado provincial.

 -¿Que destaca do feito ata aquí?

-As obras: estradas, sumidoiros, infraestruturas,... algunhas das cales se van facer agora, como a estrada do Bos Aires á Igrexa, que xa é algo que se vén reclamando dende tempos do anterior alcalde e no que se van investir máis de 800.000 euros. Tamén acadamos xestionar nós as Torres do Allo, manter en bo estado as vías, que non é algo doado xa que temos máis de 130 quilómetros asfaltados e recuperar a maioría das unitarias. Tamén temos máis de 600 persoas que participan nalgunha actividade municipal o que nunha poboación de 4.900 é unha porcentaxe altísima e iso que lle pomos un prezo anecdótico, máis que nada para que a xente lle dea mérito. Mantemos dous centros socioculturais e dous campos de fútbol -no de Zas vanse investir agora 175.000 euros e ao de Baio seguro que tamén lle vai facer falta pronto-, destinamos moitos recursos a axuda no fogar e a bolsas, levamos a ximnasia para maiores ás parroquias...

-¿Cales son os principais proxectos pendentes?

-O tanatorio de Zas que xa o temos presupostado. Tamén queremos ter a cesión permanente das Torres do Allo, para evitar que estean suxeitas aos vaivéns políticos e tamén é prioritaria a modificación do PXOM, non só pola área urbanizable de Baio na que xa imos facer a praza e onde estamos tentando comprar parcelas. A compra da Carballeira de Baio, que non estaba prevista, tamén é unha necesidade. Quizais niso pequei de inxenuidade, como dixen, porque non contaba con que iso se fose empregar politicamente. Pensei que todos estabamos na defensa do interese público, pero alá cada un.

-¿Cal é a situación económica?

-O único problema económico que temos é non poder gastar os remanentes. Estamos cumprindo un plan de estabilidade, o cal non deixa de ser chocante, pero é o que hai. Dotamos con 60.000 euros unha bolsa de emprego. Agora hai catro persoas durante dous meses para tarefas de limpeza e canto acaben seguirán outros. Tamén temos o PIL da Deputación e outros plans. Non debería ser así, pero o Concello é dos principais empregadores.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«O noso único problema económico é non poder gastar»