Habemos de ir a Negreira


Como na canción que inmortalizou a grandísima Amália Rodrigues, pero cambiando o topónimo Viana polo de Negreira, habemos de ir a Negreira. Será este vindeiro domingo, día 20 de novembro.

Alí nos uniremos ao pelotón de ciclistas amigos que rodarán nas súas bicicletas cun nó na gorxa ata Brandomil (parroquia pertencente ao Concello de Zas, ao carón do río Xallas), lugar no que pereceu, atropelado por un coche, Jesús Mancebo, amateur ou, o que é o mesmo, amador do ciclismo e das bicicletas, finado, como tantos outros, mentres pedaleaba para sentir o aire da liberdade e da natureza no seu corpo.

Todos os apoios

Na presentación da primeira edición da Marcha Ciclista en homenaxe a Jesús, Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, sinalou que apoiará todas as campañas que conciencien aos condutores da necesidade de respectar e protexer aos ciclistas. Palabras que corroborou Jorge Tuñas, alcalde de Negreira, consciente de que debe ser o Estado o fomentador de deporte e do exercicio saudable, a chamada medicina básica e preventiva, que tantos cartos lle está a aforrar á Seguridade Social.

Por isto, e porque andar en bicicleta é un bo costume e un dereito que debe ser potenciado e respectado, habemos de ir a Negreira.

Créanme, o valor educativo e saudable da practica deportiva non ten prezo. Os seus beneficios físicos e psíquicos para a poboación son incalculables.

O exercicio de calquera deporte é un medio idóneo para que as persoas adquiran eses tesouros, que hoxe non cotizan en bolsa, pero que son imprescindibles, chamados honestidade, disciplina, esforzo, compañeirismo, espírito de superación, perseveranza, humildade e respecto.

Unídevos!

Por iso, e porque nos gusta, como lle gustaba a Jesús Mancebo, sentir o aire limpo da liberdade e da natureza no noso corpo e no noso rostro, habemos de ir a Negreira. Parafraseando agora a un tal Carlos Marx, ¡ciclistas de toda a comarca e comarcas veciñas, unídevos!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Habemos de ir a Negreira