«A nosa idea é que Pondal chegue á xente, a todos os públicos»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

ZAS

José Manuel Casal

Tamara Lema, Adrián Varela, Patricia Bellón e Alba Mato organizaron para hoxe un recital de «Queixumes» con nada menos que 130 lectores

12 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«A semente, sempre a semente...». Tamara Lema, entregada colaboradora da Fundación Eduardo Pondal, insistía onte nesta idea. O fío do primeiro contacto, o agromar. Para hoxe hai previsto na sede da entidade pontecesá un acto ben emotivo e traballado, unha nova iniciativa para conmemorar o 130.º aniversario da publicación de Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal. Logo do facsímile promovido por La Voz de Galicia, a Fundación e Gadis, esta nova proposta dá un novo paso nesa teima de que «Pondal chegue á xente, a toda a xente, a todos os públicos, acompañalo, que volva ter o papel tan importante que tivo...». Conta Tamara que, dándolle voltas a tal fin, deron coa idea dunha lectura pública da obra: nada menos que 130 persoas para un 130 aniversario. ¿Como levalo a cabo logo? Quixeron «quitar o estigma de aburrido, que a veces se di», e optaron por dividir aos lectores por idades, dado que non querían escoller a ningunha en concreto, senón chegar a todas elas: pola mañá, os nenos (11.00 horas); a mediodía (13.00), os mozos de ata 35 anos; e pola tarde (17.30), os adultos. En cada acto, algunha proposta especial.

«O aquel de xuntanza»

«Teño amigos que van achegarse a recitar por vez primeira a Pondal, e iso paréceme moi interesante», di Tamara. É aí cando di: «Ir metendo a semente, sempre a semente...». Sabe que nas achegas iniciais pode custar algo: «Cando empecei a lelo, tampouco comprendía... Pero logo descobres esa sensibilidade tan extrema de Pondal...». Ela, responsable da comunicación e os contactos, xunto con Adrián Varela (deseño gráfico da actividade), Alba Mato (sistematización e informatización de datos e fotografía) e Patricia Bellón (acondicionamento e mantemento) son os organizadores desta iniciativa. «O patronato da Fundación deixou a actividade nas nosas mans e é algo que agradecemos moito, que nos permitan á xente nova a iniciativa, unha organización específica de algo tan especial», di.

Outra das ideas que sustentan este recital con 130 persoas é a de procurar un encontro interxeracional: «Pondal permite un encontro de nenos, mocidade, adultos e maiores. Trátase de retomar ese aquel de xuntanza. Pondal serve para estar xuntos», abunda Tamara. Tan interxeracional que ao lado de pequenos de curta idade haberá avós ata centenarios, como Aurora Ramos (103 anos, cumpridos onte). A masterchef junior Ana Oca, a actriz Marta Lado, o director de cine Ignacio Vilar ou os deputados Xosé Regueira e Aurelio Núñez tamén recitarán Queixumes. Finalmente, tense querido xuntar a lectores de moi distintos sectores, indo máis alá do mundo das letras. «A min sobre todo gústame moito o feito de que participe xente de a pé, a xente do común, xente de toda a vida...», valora Tamara. Haberá mestres, xornalistas, terapeutas ocupacionais, animadores culturais como Silvia Losada, nenos de distintos colexios... Virán de Zas, de Laxe, de Ponteceso ou de Cabana... Unha festa da poesía por un 130.º aniversario.