Paréntese de agosto que volve

Mercedes Queixas Zas A VIVA VOZ

ZAS

15 ago 2016 . Actualizado a las 21:50 h.

Emoción, esa é a palabra que concreta o conxunto de sensacións e vivencias que a lembranza fai renacer nas vésperas de cada 15 de agosto.

Unha emoción infantil que soñaba coa chegada das atraccións á contorna da praza do empalme, sempre en agarda por aquela novidade mecánica que só había caducar con outra sorpresa no ano seguinte, e medraba sen parar desde aquel primeiro minuto en que as luces de cores coroaban a praza, ao tempo que estrelaban o ceo da Avenida de Fisterra, columna vertebral da vila, nunha ilusión alcanzábel aos ollos da veciñanza e dos convidados durante catro días de festa culinaria familiar diúrna, prorrogada contra a noitiña no feliz baile da mecha infantil.

Unha emoción que terciou en desinhibidas expectativas propias da adolescencia arroupadas con ansias pendentes de descubrir. Poñer a punto a roupa de estrea para a festa, combinar plans de encontro coas amizades, negociar horarios de retorno á casa na habitual porfía familiar negociadora coas agullas do reloxo até conseguir ficar á desfeita do baile, facilitar a conversa cos convidados para ir arrecadando o capital preciso para os gastos da ocasión e prever a resposta á pregunta que a noite ensaiaba para o contacto secreto dos corpos:

-Bailas?

Toda a emoción previa iniciaba o seu camiño no latexo do corazón en alerta co estoupido da primeira bomba de palenque na primeiriña hora da mañá do 15 de agosto, a proba inauguradora irrefutábel da festa, que se renovaría en ducias de ocasións marcando os tempos ao destronado reloxo de horario rutineiro.

As bombas da saída da misa repinicaban facendo eco da fortaleza da casa veciña responsábel da función, nun preludio sonoro da sesión vermú en que as músicas e as voces do pasodobre ou do merengue convidaban o rebumbio interxeracional nun contorno de sorrisos alegres afanados no necesario ensaio para a noite que, aos ollos de nena, semellaba non ter fin, mais, aos da adolescente e moza, parecían roubarlle minutos ou horas a medida que avanzaban os días da festa.

Sesión continua

Días de festa en sesión continua e despreocupada que, no entanto, implicaban un esforzo engadido nas mans do traballo da casa da avoa Mercedes, sempre atenta ao trafegar incansábel de xente no mostrador da carnicería e anfitrioa animosa e afectiva da xuntanza familiar no comedor de castiñeiro, onde hoxe é inevitábel contar ausencias que levedan as lembranzas familiares ao redor dos arrecendos dos xantares que abrazaban as ceas, arrolados no cruce de conversas intermitentemente interrompidas polas corenta cantadas cabalo á mesa.

O tempo vaise, mais tamén volta a nós como unha paréntese reincidente, felizmente, á nosa memoria individual e familiar cada 15 de agosto para nos lembrar quen somos e que pasos transitamos canda os nosos para volvermos, en fin, á emoción do que fomos.

DNI. Mercedes Queixas Zas naceu no 1968. É licenciada en Filoloxía, exerce a docencia no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco e é ademais escritora. Na Laracha ten a súa casa da infancia. É esta unha terra á que segue moi vencellada, como reflicte neste texto de lembranzas e como fixo tamén con «(Re)habitar a casa da infancia», unha colaboración para La Voz onde tamén daba conta da porosidade dos recordos. Neta de «Mercedes da carnicería», como ela lembra nestas liñas, garda na memoria todo o significan as festas da Laracha. Entre as últimas obras de Mercedes Queixas está unha moi importante este ano: «Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María». A el dedicáronselle as Letras este 2016.