«Poñerlle o broche a este festival é un honor e un reto»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

ZAS

ANGEL MANSO

O pontés Andrés Penabad será o encargado de pechar esta 33.ª edición da Carballeira de Zas

06 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende As Pontes, a súa terra de orixe, falou onte o acordeonista Andrés Penabad (1985). Para el non é a primeira vez na Carballeira, aínda que si por si mesmo, coa súa banda: «É unha festa á que lle teño moito cariño». Penabad ten tocado con Muxarega, Xabi Aburruzaga ou John Whelan. «Crossing» foi o seu primeiro disco, con proxectos tamén doutros artistas [ten tocado con Susana Seivane, Luar na Lubre, Carlos Núñez...], pero «Bipolar», o segundo, é máis del, máis desa súa banda que leva aos directos. Asegura Penabad que ese papel de peche do festival é para el un «honor e un reto», «unha responsabilidade que asumo con interese». Haberá pezas dos dous traballos no concerto desta noite, ademais dalgunha «sorpresiña».

-¿Que lle parece o cartel desta 33.ª edición da Carballeira?

-Dende o primeiro momento pareceume espectacular, penso que tiraron a casa pola ventá. A maiores, creo que o tempo vai acompañar, cando é raro que non chova na Carballeira... [ri]. As previsións de xente creo que serán boas.

-¿Como lle vai a Andrés Penabad nestes tempos de hoxe?

-Para estar as cousas como están, vai indo ben. Veño de tocar o 24 de xullo no Apóstolo ou tamén no Bierzo, e para ser estes tempos...

-Relaciono un título con vostede: «8 soños...»

-Era un disco con Muxarega, si.

-¿Tamén o acordeón era un deses soños?

-Non... Eu comecei tocando a guitarra e a gaita no conservatorio das Pontes. No acordeón meteuse miña nai, nunhas clases, e eu díxenlle que iso era de vellos. Mercou un acordeón, chegou o instrumento á casa e eu púxenme a fedellar nel. Chegou ela e eu quixen que non me vise, pero xa me tiña collido. Levoume á súa seguinte clase un pouco enganado. Entrei odiando o acordeón e saín pensando que me quería dedicar a el.

-A música do acordeón ten algo, coma doutro tempo...

-Intento transmitirlle aos alumnos esa versatilidade que ten. Pregúntolles que música lles gusta e todo se pode facer... Din que o acordeón vale para facer a festa el só.

-¿Coñece a Pazos de Merexo?

-Coñezo, si. Gravou un disco con Kepa Junkera. Paréceme extraordinaria esa xente, el foi capaz de aprender só...

-¿Que saúde lle ve ao folk?

-O folk está en coidados paliativos. Estamos pasando por malos tempos. Temos a xuventude mellor preparada e a músicos tocando por catro pesetas. O folk está asociado á palabra gratis, ten esa etiqueta. Moita xente pensa: «¿Para que vou pagar? Xa os verei na praza do pobo». Non pasa con outras músicas. Deixouse ir [alude tamén a axudas de entidades que había e que agora non hai]. Soño con que non volvamos estar neste socavón. Hai que cambiar esa idea do gratuíto, tamén nos festivais. Coa entrada estás facendo unha selección, é xente que de verdade quere estar.

-O noso apréciase máis fóra...

-Para a semana volverei ao Bierzo e a xente alucina. Recordo que no 2014 toquei en Compostela como teloneiro de Luar na Lubre. As entradas eran a 15 euros e vendéronse unhas 200. Despois fomos a Sevilla, por 35, e encheuse...

-¿Será espectador en Zas?

-Estarei alí coma un seareiro máis [xa tiña pensado ir onte].