O berce dun río con mil nomes

xan fernández carrera

ZAS

O río da Ponte ou do Porto, rebautizado como Grande, recibe outras denominacións nas terras de Xallas e ao seu paso por Zas

14 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre sentín curiosidade por saber onde nacían os ríos, sobre todo aqueles cos que tiven un contacto vital nalgunha etapa da miña vida. Mais non resulta doado descubrir cal é a fonte ou son as fontes orixinais dun río, e non sempre coinciden coas que aparecen nos libros, tal como sucede co río Miño, do que estudamos que nacía en Fonmiñá, non obstante, despois comprobouse que a súa fonte de nacemento estaba no Pedregal de Irimia, na serra de Meira.

Cando vin para Bergantiños, unha das curiosidades xeográficas primeiras que sentín foi descubrir o nacemento do Anllóns, un dos elementos primordiais que definen esta comarca. Despois de seguir o seu curso ata as aldeas cercedenses de As Lavandeiras e Coence, e preguntar aos veciños desta última onde estaban as fontes do regato que pasaba a carón deste núcleo, cheguei ao nacemento deste río bergantiñán. Así como o Anllóns define Bergantiños, o mesmo sucede co río Grande ou do Porto respecto da comarca de Terra de Soneira, que a percorre dun extremo a outro, no sentido leste oeste.

A este río úneme o meu lugar de nacemento, na parroquia de Bamiro, e o ter pasado parte da miña infancia e mocidade na Ponte do Porto, vila onde ten a súa desembocadura e de onde recibiu o seu primitivo nome, río da Ponte ou río do Porto. Sobre esta denominación, achéganos o investigador e profesor soneirán Xosé María Lema Suárez, unha documentada información na obra A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte, onde podemos comprobar como o nome de Grande é recente e posto de xeito arbitrario nos anos 60 do pasado século, tal como aparece nos mapas 1:25.000 do exército ou do Instituto Xeográfico Nacional.

O seu nacemento

Teño estado varias veces no curso alto deste río, no pico de Meda e nas fervenzas do Rabiñoso, mais nunca me achegara ata As Brañas, onde se atopan as súas fontes de nacemento, nun terreo lamacento cuberto en gran parte por salgueiros, situado entre as aldeas dos Picotos e dos Fornos, ambas as dúas xalleiras, pertencentes á parroquia de Santa Sabiña, do concello de Santa Comba.

O río forma a súa cabeceira primitiva con dous regatos: o que procede das Brañas, que atravesa polo centro do val e o regato que baixa da parte oriental do Pico de Meda, á altura da Mina das Foxas. Logo cruza o núcleo dos Fornos e conflúe co anterior. Uns metros máis abaixo atravesa a ponte da estrada que une os dous lugares anteriormente citados. Polo tanto podemos afirmar que este río propiamente soneirán, ten o seu nacemento na terra de Xallas, o mesmo que lle sucede ao Anllóns que nace nas terras de Cerceda, fóra de Bergantiños, pero deseguida vira cara ao leste e penetra en territorio bergantiñán.

O seu paso por Soneira

Nesa parte alta o río do Porto leva por nome rego de Vilar Ramilo, pola proximidade a este núcleo, xa pertencente ao concello soneirán de Zas. Aquí o val estréitase polo achegamento dos montes que flanquean a canle do regato, e fórmanse as fervenzas do Rabiñoso, un espazo natural cun gran encanto. O río descende cantareiro e con forza por un tobogán granítico que configura a súa canle.

Este descenso brusco aproveitouse para a construción de varios muíños que movían os seus rodicios co potencial enerxético que adquiren aquí as augas. Cobre este espazo un bosque de ribeira formado por ameneiros, carballos e salgueiros, entre outras especies arbóreas. Cruza o río a estrada que se dirixe a Moucos e Cuns, a través dunha ponte de formigón, pero ao lado desta, aínda se conserva a pontella de laxes de granito pola que pasaba o antigo camiño.

Máis abaixo esta arteria fluvial pasará a denominarse río de Parga, en memoria do núcleo que atravesa, e a continuación cambia o seu nome polo de río do Sisto, cando xa entre na chaira soneirá, en terras da parroquia da Gándara.

Como vemos os ríos teñen tantos nomes coma lugares polos que van pasando. O nome xenérico déuselle cando comezaron a aparecer en mapas e libros. Para poñerlle este non sempre se levou a cabo un traballo de investigación de acudir ás fontes históricas ou preguntarlle á veciñanza. Isto foi o que sucedeu co río do Porto, denominación esta que lle deron persoas tan relevantes coma Domingo Fontán, Otero Pedrayo ou Carré Aldao, en correspondencia co topónimo da vila na que desemboca, e que debería conservar.