O «traballo en equipo» pecha cun éxito pleno as 34.ª Festiletras

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

ZAS

O público respaldou unha nova edición da celebración na aldea pontecesá do Couto

23 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Remataron as Festiletras do Couto. Van 34 edicións e o éxito destes oito días de actividades continuas fan agardar xa por un novo milagre para o ano que vén. «Creo que podemos estar orgullosos do equipo de traballo», dicía onte, a media tarde e a xeito de valoración, o xerente da Fundación Eduardo Pondal pontecesá, Xosé María Varela. Alguén que se ocupe do son, das redes sociais, do deseño, de que todo o mundo estea a gusto... Hai un exército de colaboradores e a todos eles agradece, incluíndo, claro, aos propios artistas: «Teñen un trato especial coas Festiletras». Sobre ese «traballo en equipo» asenta o efecto chamada que para miles de persoas ten esta festa nunha pequena Aldea, agora xa universalizada.

Onte, último día, foi un domingo grande. A iso das seis da tarde podían ser algo máis de mil as almas que había debaixo da carpa, dispostas a gozar dun tempo de música tradicional. No programa, Inllar, Malante e Adro. Xa pola mañá e no mediodía, o entorno da Fundación Eduardo Pondal era un fervedoiro. Xente da aldea, da comarca, pero tamén de máis lonxe.

En torno a 40 artesáns de toda Galicia amosaron o seu traballo: coiro, cestos, marmeladas, zocos, cadernos, oleiría... Desta feira da artesanía van tantas edicións coma Festiletras: estivo presente dende que O Couto comezou a celebrar estas datas, na Praza do Quinteiro.

O que hoxe está recoñecido como un festexo das Letras referente en Galicia comezou sendo unha cita só de mañá, no domingo posterior ao 17 de maio. Continúa, por suposto, o compango artesanía-literatura daquel 1982: así había onte libreiros coas últimas novidades en galego. Segue tamén o apartado gastronómico: os Festisabores foron un éxito. Onte, os callos chegaron dende Carreira (Zas) e repartíndoos -eran de balde- estaba, entre outros, Juan Jesús Mato, do restaurante Artabria, nacido no Couto. El mesmo loaba o resultado (a iso das dúas ían xa tres potas baleiras). Prudencia Garrido, a cociñeira, aledouse. Hai dous anos que se encarga do bar da asociación O Santiaguiño de Carreira. Era a primeira vez que facía os callos para O Couto, pero xa por Borneiro saben da súa boa man con este prato, herdada da súa nai. Para ela, o segredo está en darlle as súas boas horas de lume. Lembra as cantidades para as Festiletras: 15 quilos de garavanzos e 27 de carne. Tamén era gratuíta a degustación de empanada de atún, obra do forno tradicional da panadería Cousillas de Brantuas, con atún doado por Calvo. O home orquestra Cé Pantasma, Os Fondaos do Pífano, Caxade na sesión vermú e o contador Anxo Moure contribuíron a un entretemento asegurado.

Bo tempo

Axuda ao éxito o cariño co que a xente de a pé participa nestes festexos, mais tamén foi un milagre o do tempo. Deu tregua esta semana e mesmo onte, logo dunha noite de choiva, amenceu claro. Influíu na asistencia, ao igual que, valora Xosé María Varela, o traballo de promoción feito, tanto a través das canles tradicionais como das redes sociais. Chegou xente dende Betanzos ou dende Santa Comba, por poñer dous casos. A experiencia destes anos amosa que, quen vai ás Festiletras, repite.