«Non queremos limitarnos a organizar a Festa da Carballeira»

A entidade zasense abre unha etapa na que compaxinará o traballo xa feito cun «novo punto de vista»


Carballo / La Voz

David Rial Montes (Zas, 1991) asume a presidencia da asociación Castro-Meda tomando o relevo de Lupe Nieto co obxectivo de aproveitar e dar continuidade ao traballo xa feito ata agora, pero aportando un novo punto de vista e tratando de que o labor da entidade vai máis aló da Festa da Carballeira, que este ano se celebrará en dúas xornadas (5 e 6 de agosto) e que incorporará outras novidades. Rial, que terá a axuda nesa tarefa por Anxo Fariña Pedrosa (vicepresidente), Ana Costa Montes (secretaria) e Carlota Santos Baña (tesoreira) explicou onte en Radio Voz Bergantiños as claves do relevo en Castro-Meda.

-¿Por que afrontan agora este cambio na directiva?

-Pois porque a anterior directiva fixo nestes 11 anos un gran labor que hai que remarcar e agradecer, pero despois dese longo período o cansazo era palpable e a renovación, obrigada.

-¿Que o empurrou a asumir esa responsabilidade?

-Non vexo isto de xeito individualista, senón como o grupo que formamos entre todos, pero alguén se tiña que poñer á fronte e o feito de residir en Zas foi un dos elementos que seguramente me levou a tomar esta decisión. Queremos agradecer a confianza que se depositou en todos nós e esperamos entre todos estar á altura das circunstancias

-¿Que vai supoñer este cambio para Castro Meda?

-Somos un grupo de xente nova cunha gran vinculación á Carballeira. Calquera de nós leva máis de dez anos colaborado coa organización do festival. Chegamos con moita ilusión, forza e ganas de facer un bo traballo. Entendemos que con estes ingredientes podemos aportar un novo punto de vista que pode ser de gran axuda. Xuventude, ilusión, forzas, ganas... poden ser os adxectivos que mellor nos definen. Entendémonos moi ben os catro e sabemos que esta unión vai facilitar moito o labor.

-¿Lupe Nieto seguirá colaborando coa directiva?

-Así é, porque a pesar deste paso a un lado sabemos que contamos co seu total compromiso, e non só de Lupe, senón de todos os que foron presidentes da asociación e máis dun numeroso grupo de persoas que levan tamén moitos anos vencelladas á organización do festival. Sabemos que non estamos sós nesta andaina, senón que contamos coa axuda incondicional de todos eles e que sen eles este proxecto non tería sentido ningún.

-Como afrontan a organización do seu principal reto..

-Nós acabamos de chegar, pero xa levamos meses participando e colaborando na organización do festival deste ano e as cuestións principais xa están case pechadas, así que o cambio de directiva non pon en absoluto en perigo a celebración desta 33ª. xa edición da Carballeira.

-¿Teñen moito traballo por diante?

-Pois si, porque aínda que as cuestións principais xa estean pechadas aínda queda moito por facer. Ademais, aínda que a principal actividade da asociación Castro Meda sempre foi a organización da Festa da Carballeira desde a nova directiva non queremos que se limite a esa función, senón que queremos traballar a conciencia ese outro aspecto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Non queremos limitarnos a organizar a Festa da Carballeira»