Jorge Mira fixo escala en Baio co alto do ceo

s. g.

ZAS

O catedrático de Física presentou ante os seus veciños o seu novo de divulgación científica

10 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A que altura está o ceo é o novo libro de Jorge Mira, coa colaboración de María Canosa. En realidade, as alturas foron moitas ao longo da historia, pero condénsanse e enténdense moi ben nesta obra que xa foi a segunda máis vendida o mes pasado en ensaio en Galicia. O venres presentouse na casa, en Baio, no auditorio, ante unhas setenta persoas. Presidía o alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen definiu a Jorge como «unha mente privilexiada» que trata coas máis privilexiadas do planeta. E está aí ao lado, de sempre: Jorge de Pascua, do Chamberín.

O editor, Henrique Alvarellos, contou que fóra ver unha charla de Jorge e que lle gustou como contaba as cousas que eran tan difíciles. «Foi un acerto apostar polo libro», dixo. María falou da necesidade de divulgar a ciencia, e sobre todo de facelo en galego, e destacou que Alvarellos aceptou a proposta a cegas, sen ter visto unha páxina. Tamén fixo fincapé en salientar o rol das mulleres pioneiras na ciencia.

Jorge subliñou o feliz que se sentía de poder presentar ese libro en Baio. Xa o fixera con A ciencia no punto de mira cinco anos e medio antes, con igual éxito de convocatoria. De María destacou que, co permiso de súa nai, Concha Blanco, é a mellor escritora galega en infantil e xuvenil, e lembrou como se xestara todo nun plató da TVG. E, sobre todo, falou da historia do Universo, do seu intento de comprensión dende os gregos e os grandes logros históricos. Por certo, ao final do libro aparece a última fronteira do ceo, e xa non se superará máis, algo que non pasou coas anteriores.

A final de mes, Alvarellos e Mira farán outra presentación: será en Buenos Aires.