Unha ilusión que dura 40 anos

Emilio Garrido Moreira

ZAS

Xogadores e directivos do Sp. Zas no ano 1971 formando o club Calor HD. <span lang= es-es >foto</span><span lang= es-es > cedida por miñones «coco»</span>
Xogadores e directivos do Sp. Zas no ano 1971 formando o club Calor HD. foto cedida por miñones «coco»

Sporting Zas A historia comeza cos rapaces que xogaron no Calor HD

13 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Debuxar a vida dun club de corenta anos semella máis fácil do que logo é realmente. Nun primeiro momento tiña moi claro cal ía ser a estrutura e o contido do libro, pero dende o inicio as historias e os personaxes fóronse agolpando e como se dun adestrador se tratara houbo que ir poñendo orde nas filas dos protagonistas, que son moitos. A preocupación xurde cando un non quere deixar a ninguén no banquiño e polo menos darlle os minutos (liñas, parágrafos ou páxinas) que lle pertencen por ser parte dunha xa longa vida deportiva.

Corenta anos dan para moito e para que todos xoguen minutos, dentro do posible, hai que deseñar unha aliñación (neste caso índice, capítulos, temas) e facela visible para entusiasmar ós seareiros, coma os goles que se marcan cada domingo no campo de San Andrés.

A historia comeza cos primeiros rapaces de Zas que xogaron a liga do Calor HD en 1971. Para darlle importancia a aquela competición, non nos cortamos, e afirmamos que o famoso Torneo de Brunete xa se inventou en Zas. As xoves promesas do Sporting, con Trompeta á cabeza, xa foron protagonistas naquel famoso torneo organizado por Pepe Cundíns (Pepe do Santeiro).

As vellas glorias abre o capítulo ós primeiros xogadores federados, ó primeiro presidente, adestrador, ás primeiras derrotas e ós primeiros puntos. Os primeiros goleadores tamén sairán á palestra da man de Camilo do Sastre, que recorda á perfección o primeiro gol do equipo en Outes. Como non podía ser doutra maneira, as vellas glorias amosáronnos como se foi construíndo San Andrés, pasiño a pasiño, incluso como se conseguiu o primeiro calentador de auga quente, un auténtico artigo de luxo naqueles tempos. Podo adiantar nestas páxinas que as vellas glorias van dar que falar e recordar.

A xeración futbolística de Oliver e Benji saltou a San Andrés na década dos oitenta e xa trouxo títulos para as vitrinas do Sporting. A xeración da EXB deixou pegada nos campos da Costa. Aqueles rapaces que choraron a morte de Chanquete iniciaron un cambio de ciclo no Sporting. Aqueles xogadores foron os protagonistas da década prodixiosa, título do seguinte apartado do libro. Os anos noventa supuxeron o culmen deportivo coa participación do Sporting en Preferente así como na Copa Deputación.

No seguinte capítulo os xogadores da época de Naranjito deixáronlle paso ós protagonistas do século XXI, que aumentaron e seguen aumentando o currículo deportivo do Zas con novos títulos. Mérito deles son dúas novas ligas e a ansiada Copa da Costa conquistada na edición de 2006. En definitiva, catro décadas recollidas en catro capítulos (as vellas glorias, os anos oitenta, a década prodixiosa dos noventa e o século XXI). Catro apartados para contar centos de historias arredor dun balón e unha ilusión chamada Sporting Zas.

Noutro apartado do libro reflectimos toda a historia da Copa da Costa co Sporting como protagonista. O Sporting forma parte do club celestial dos que probaron o néctar da gloria copeira. No ano 2006 o equipo dirixido por Berto cumpriu un soño anhelado durante moitos anos. Atrás quedaban cinco semifinais e unha final contra o Cee de Manolín. Engadimos ó libro a liga en números, a liga en datos (con todos os partidos, datas, xornada, árbitros, campos, goleadores, equipo). A esta novidade sumámoslle un seguimento do Trofeo do Concello de Zas dende a súa primeira edición.

En derradeiro lugar debuxamos unhas pinceladas das noticias máis salientables do pobo no apartado titulado: E fóra de San Andrés ¿qué pasaba?. Unha maneira de unir deporte, cultura, política e sociedade. Creo que este curruncho do libro vai a chamar a atención e aflorará recordos esquecidos en moitos dos protagonistas dos corenta anos de vida.