«Temos que pelexar por un mundo para todos, onde todos teñamos vida»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

ZAS

PACO RODRÍGUEZ

Nacido en Zas, falará o venres en Carballo da inclusión social e educativa

09 feb 2015 . Actualizado a las 12:24 h.

Manoel Baña Castro traballa dende o ano 1995 no campo da inclusión. Antes, en intervención sociocomunitaria, que viña sendo case o mesmo pero con outro nome. Nacido no 1959 en Zas, onde conserva familia e amigos e a onde volve sempre que pode, visitará Carballo este vindeiro venres (19.30, Fórum) para falar, dentro do ciclo de xornadas programado por Aloumiños e a Universidade da Coruña, da inclusión social e educativa, así como da calidade de vida das persoas con alteracións no desenvolvemento.

A Costa da Morte non lle é allea. Ten traballado en asesoramento con colexios de Carballo, con nenos e persoas individualmente e mesmo anda a voltas cun proxecto para un Escola de Pais en Vimianzo. Baña Castro é profesor titular do departamento de Psicoloxía Evolutiva da Educación na facultade de Ciencias da Educación da Coruña e tamén, dentro da UDC, director da clínica UCATEA: Unidade Clínico Asistencial de Trastornos de Espectro Autista. Asesora ademais entidades, colexios, pais, dá charlas... Di ser algo así coma «multifunción» e, apunta, tampouco saber dicir «Non».

-Van anos a voltas coa inclusión...

-Metinme neste campo case empurrado, pola xente, pola vida, pola demanda e polo que eu creo, que é que temos pelexar por facer un mundo para todos, onde todos e todas teñamos vida. A sensibilidade, o interese e as ganas, o xeito no que o educan a un, que no meu caso tivo moito peso, foi a mecha que prendeu todo isto en min. Así me vin aí metido, hoxe aínda sorprendido de que digan que son un experto en inclusión, porque creo que non o son... Quédame moito.

-¿Queda moito por facer, non?

-Si. E a veces dá a sensación de que hai un pequeno retroceso. Un traballa e pelexa, pero é como se dera voltas, coma en El día de la marmota [ri]. Iso pode desesperar, pero a min incentivoume a loitar polos que consideramos máis débiles. Entre comillas o da debilidade, porque a debilidade aféctanos a todos. O mundo é un avatar: estou convencido de que todos estamos unidos por algo. O ser humano ten unha grande capacidade de xerar ilusión, enerxía e forza, pero desperdiciámola dunha forma impresionante. Aos meus alumnos dígolles que sexamos racionais, ademais de animais. A vida non ten sentido se non é con todos, pero as nosas inseguridades proxectámolas nos demais. Empezamos a dicir: a ver, ¿quen sobra? E sobra, xeralmente, o que é algo máis distinto. Cometemos un grande erro.

-E a peor parte lévana quizais os nenos, un colectivo vulnerable.

-Si. Habería que cambiar o mundo. A min, polo menos, tal cal está, non me gusta. A miña pretensión sería deixar un algo mellor para o que veña atrás. Vexo ao meu redor que estamos vivindo pensando en nós, e o resto que se busque a vida. Temos que cambiar esa concepción individual e buscar o sentido colectivo das persoas. A felicidade, a calidade de vida, a inclusión... fannos mellores no momento no que todos estamos mellor. A inclusión, tal e como me dicía unha orientadora, é algo que hai que vixiar, non se acada e xa está. Pérdese rapidamente cando nos conformamos.

-¿A quen lle corresponde liderar a loita? Case sempre son os pais...

-A inclusión é algo que esixe implicación, e isto sempre llo explico aos pais. Cando teñen un neno co problema que sexa, o que lles digo é que son nenos algo máis diferentes da diferenza xeral. Non se elixe. É unha lotaría. A partir de aí, os pais teñen un reto. A vida non vai ser fácil, pero o que hai que construír é un sistema onde ese neno poida sentirse membro activo, decidir, participar e vivir no medio dos demais. Significa, por un lado, posibilitarlle recursos, e para iso temos que ser mellores pais, cidadáns e familias. Por outro, procurarlle un mundo onde ese neno poida vivir, e o mundo empeza por un mesmo.

-¿É incorrecta a sobreprotección?

-Hai cousas que está descubrindo a neuroplasticidade nos últimos anos. É concluínte que o noso cerebro é social, necesita das persoas, rodearse delas. Vivir entre os demais, para ter contacto coas situacións. Din as investigacións que unha persoa que recluímos ou apartamos, como ocorre no sistema carcelario, pasa tempo separado do ámbito no que ten que vivir. Se o sacamos de neno e o queremos volver como adolescente, é imposible. O proceso de inclusión está alterado. Pasa tamén no caso da emigración, aínda que iso é outro campo.

-Aquí acaba de nacer Aloumiños. Son as asociacións as que tiran. ¿Que papel teñen que cubrir?

-Cando un recurso non existe, temos que unirnos para reivindicar algo que non está solucionado. ¿Que pasa? Que eses recursos xa nolos tiña que posibilitar o sistema. En reunións e congresos poñemos de manifesto que o voluntarismo está moi ben, pero este tipo de sistema non pode basearse só no voluntarismo. Pode apoiar, si, pero as asociacións esixen moito traballo e dedicación a maiores. Os pais a veces teñen que poñerse a dirixir unha iniciativa, incluso descoñecendo como funciona todo, e pode chegar a queimar, a aillar do resto do mundo. Para nada é sinxelo. O noso sistema político e social tería que dicir moito máis.

 

-Pero algo iría a mellor en todos estes anos de loita e traballo.

-Hai que darse de conta de onde partimos. A min a orixe váleme para buscar a referencia, e eu procedo dunha Galicia que, para volver a ela, moito teñen que empeorar as cousas. Teño coñecidos casos de rapaces con algunha discapacidade que vivían pechados, apartados. Aquí, en Galicia, con pouca memoria, tamén lembramos feitos así, recentes. Dende esa situación a esta, na que os pais temos conciencia de que podemos esixir mellor calidade de vida e maiores cotas de inclusión para os nosos fillos, hai moito camiño andado. O que non podemos é conformarnos, e iso pasa moitas veces. Cando os nosos nenos xa non son nenos, deixan de interesarnos os servizos para nenos. Non. A vida é xerar para todos. Esquecemos que, en calquera momento, todos podemos sufrir unha discapacidade. Non temos que mellorar a conta do veciño, senón mellorar todos os veciños en xeral.

-O seu é un traballo que non acaba nunca, sempre haberá máis.

-Acaba comigo [ri]. É marabilloso, eu atópolle moito sentido. Arrincarlle un sorriso a un neno que o está pasando mal é un poder sobrenatural. Conecto moi ben con eles, quizais porque eu tamén teño esa parte infantil que quero conservar, que renuncio a perder.