Vimianzo suma á súa axenda o festival Vimindie

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Presentación do festival Vimindie e do proxecto VimianSons, este mércores
Presentación do festival Vimindie e do proxecto VimianSons, este mércores ANA GARCÍA

Autoedición e cultura independente | Será do 29 ao 31 de outubro, e con importante participación da mocidade, tal é o caso do IES Terra de Soneira

07 oct 2026 . Actualizado a las 20:35 h.

Vimianzo ten por diante actividade variada, dende a programación da Casa da Cultura á Muiñada que chegará para a vindeira fin de semana. A todo iso —e máis— sumará do 29 ao 31 de outubro, en pleno tempo de Samaín, unha nova iniciativa, un festival de autoedición e cultura independente, como así o presentou Raquel Gerpe dende a asociación cultural A Eirexa, impulsora. A entidade ten por fin promover e dinamizar a Costa da Morte, «o rural desta parte de Galicia», e co Vimindie, a súa primeira acción, pretenden alentar ademais a creatividade do público mozo.

Rubén Rial, debuxante vimiancés, tomou tamén parte da presentación: el bota unha man en iniciativas como o photocall colaborativo, entre outras propostas. «É importante apoiar á xente nova que empeza a descubrir o debuxo e autoedición, que poida participar, e tamén o é que haxa este tipo de eventos fóra das cidades. Os propios colexios son clave á hora de incitar aos rapaces a descubrir esa parte creativa da súa propia personalidade», manifestou. 

Rapaces do instituto Terra de Soneira de Vimianzo participantes no proxecto
Rapaces do instituto Terra de Soneira de Vimianzo participantes no proxecto .

Un micro aberto de proxectos creativos de centros educativos, faladoiros sobre estudos artísticos coa Escola Pablo Picasso e exalumnado ou unha conferencia sobre o ciberbullying son parte do programa. Terá un papel destacado, por exemplo, o IES Terra de Soneira, cando menos a través de dúas vías. Unha, unha intervención artística colectiva de estudantes de cuarto de ESO: ilustrarán temporalmente a cristaleira da Casa da Cultura. Tamén decorarán escaparates da vila. «Non é só vir, é participar», afirmou Efraím Díaz, profesor de música, agradecido tamén coa presenza de Iria Lestón, do departamento de Educación Plástica e Visual. Pola banda musical, o que presentará o alumnado é un mapa sonoro colaborativo que recolle paisaxes sonoras de Vimianzo, o VimianSons: observan, gravan, editan e publican, cada rexistro acompañado por unha fotografía e xeolocalizado. Todo un coñecemento da contorna dende unha perspectiva auditiva.

Acompañada pola técnica Nieves Lema e a edila María José Pose, a rexedora vimiancesa, Mónica Rodríguez, amosou o «orgullo» que supón para o Concello presentar esta nova programación que pensa nun público clave, a mocidade.