Cultura e comunidade no inicio de A Costa da Vida en Vimianzo

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Numeroso público achegouse ao pé da igrexa de Cereixo para participar de coñecemento, teatro e música 

05 oct 2026 . Actualizado a las 19:32 h.

«Un arrincar da Costa da Vida con moita enerxía e comunidade»: así é como Nieves Lema, técnica de Cultura, describía onte o inicio no municipio de Vimianzo deste programa de dinamización sociocultural polas parroquias no que tamén toman parte outros cinco municipios da comarca. A xornada inicial transcorreu en Cereixo, onde Mónica Rodríguez, alcaldesa, deu a benvida a todos aqueles que encheron a igrexa un domingo pola mañá para escoitar a Raquel López Noia coa súa conferencia De viaxe lendaria a recurso cultural: a Translatio de Cereixo como modelo. Dun xeito ameno e claro, ela deu conta da importancia que garda, e do que supón para Galicia, o que o tímpano da porta sur do templo románico Cereixo amosa, precisamente unha das primeiras manifestacións da Translatio.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

Xa no exterior da igrexa, seguiron Os Quinquilláns —con público encantado— con A barca prodixiosa de Cereixo, representando a un peregrino da nobreza europea (Lucho Penabade) e á nai do arzobispo Alonso II de Fonseca (Tero Rodríguez). Puxeron o remate o coro local Galilea e Caamaño&Ameixeiras, violín, voz e acordeón ante numerosos asistentes. Houbo fusión de talentos e voces. Como remate a todo, petiscos de chourizo. En efecto, cultura e comunidade.