«Ler, ler moito», escribir, coñecerse, resistir e, quizais, un día, «deixar de picar cebola»
VIMIANZO
Avanza o festival Vimianzo M.O.L.A.: sábado intenso antes deste último día, domingo, que tamén chega con programación completa
06 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Foi a deste sábado unha tarde de fíos entretecidos no segundo día do festival Vimianzo M.O.L.A., e non só porque ao peche da velada falase no castelo Nerea Pallares da súa premiada novela Punto de araña, porque Guadalupe Vázquez Formoso asinase ao tempo A voz silenciada (tantas!) ou porque Alberto Lema e Rosalía Fernández palillasen literatura e compromiso case entrada a noite.
Xa na apertura houbo deses fíos, nuns camiños confluídos entre María Canosa, coa súa novela xuvenil Dipnoi, e Anxo Mouzo Moreira, mozo «camellán» con nai de Tufións, fillo da emigración a Suíza e autor de A princesa dourada na editorial Boadicea, na que Canosa proximamente publicará unha obra infantil. Mais iso, como a obra fantástica que tamén anda a escribir María, aínda é futuro.
No presente, os dous fixeron unha sentida defensa da lectura como paso previo á escrita. Ese meterse no mundo do libro, vivilo. Paciencia, traballo e unha areíña de sorte fai falta para ir avanzado neste oficio que supón «facerse moitas preguntas e coñecerse a un mesmo». Tan duro como gratificante, tan esixente á hora de crer nun mesmo como de ser «o teu peor hater». A emigración, a identidade ou os mundos paralelos (Nihá, na ficción isekai de Anxo; as redes, na novela de María) están en ambas publicacións.
O traballo soñado de Canosa sería o de ser «só» escritora, e a Anxo encantaríalle que a literatura o levase un día «a deixar de picar cebola», que é un dos seus quefaceres actuais nunha cociña. Polo camiño, roubando horas ao descanso, avanza nun xogo narrativo e nalgún outro proxecto. Camelle é para el punto de partida: «É onde máis vivín e sentín». Quíxolle facer a novela de ficción que a vila non tiña, porque está convencido de que un ha de escribir dese lugar no que un medra e bota raíz.
Camariñas en dez idiomas no mundo
Escribir algo que se vaia ler, e ler moito, non está case nunca só na man de quen se escribe. Pero escribir algo «honesto» e probar sorte si, e iso foi o que fixo a lucense Nerea Pallares con Punto de araña, Premio García Barros 2025, obra xa publicada en galego e castelán, merecedora do Follas Novas, traducida ao catalán e, en tempos vindeiros ao inglés, francés, italiano, grego, alemán, portugués e holandés. Así o adiantou este sábado no festival Vimianzo M.O.L.A. e iso supón que a todos eses lugares chegará o universo Camariñas do que se empapou para documentarse e no que ela sitúa esta súa obra asentada na relación entre o tecido e a linguaxe. Non concibía, dixo, outro tecido que non fose o encaixe.
Noutra capa do libro está o sostén do mundo, as mulleres. Motivadas por un feito tráxico (a min non me matan unha filla en balde, ben o sabe Dios), esas palilleiras deciden parar, colgan o labor o día do Carme para reclamar a súa voz. E se elas, as mulleres, en verdade parasen? É a pregunta que cruza toda a obra, que precisamente levaba por título provisional Se o tecido cesa. Non se deixou de palillar no castelo vimiancés mentres Nerea falaba, e así dixo vivir con ledicia e sorpresa toda esta tremenda acollida da súa novela debut logo de dous libros de relatos previos, Sidecar e Los ritos mudos. Espazos, costumes, oralidade, toponimia, a paisaxe como personaxe... todo iso está en Lita, Xela, Catuxa ou Cruz, as mulleres desta novela coral que, xunto con Ari e outras, son «todas as mulleres», «as grandes ausentes», as que por unha vez se preguntan que queren. Elas. Non hai realidade máis real e, fronte a iso, a deidade, o fantástico de tres vellas, tres arañas tecedoras que veñen de atrás e que lle poñen fin a iso de «coser e calar». E logo dunha obra con este éxito que? Pallares teno claro: «Seguir escribindo».
Mapas e cartografías do territorio vital
É a Costa da Morte, quedou claro con Nerea, territorio de inspiración e creación. Río Grande, o novo de Alberto Lema (Bamiro, Vimianzo), así o acreditou tamén, neste caso en conversa con Rosalía Fernández Rial, carballesa-muxiá, filla de vimiancés de Bamiro, e igualmente cunha obra marcada por esta terra: «Onde máis escribo é en Muxía, o mar está en todo o que fago». Lema volveu o sábado a unha fortaleza que foi espazo do seu primeiro recital, no inicio dos 90, e fíxoo para presentar o seu retorno á poesía, un ollar poético «que non sempre ten que portar boas noticias», que ás veces é áspero e proe, e que Rosalía cultiva na vida sexa como docente, música, narradora ou creadora de textos teatrais para a adolescencia, caso de Fóra de Campo, premio Vidal Bolaño 2024 e libro que levaba ao Vimianzo M.O.L.A.
Porque poesía pode ser, só, «atoparnos». Ter vontade artística, ser lucecús na globalización. As redes e os seus perigos, o control sobre elas, as rapazas, a identidade ou a sororidade, a rede tecida en conxunto e máis necesaria ca nunca, están nesta obra da autora. Liñas, as dun escritor e as do outro, que deron pé a reflexionaron sobre avances e retrocesos sociais, compromiso, «literatura como acto de resistencia» ou lingua galega. Que este idioma xa non sexa o máis falado en Galicia foi unha das pulsións que levou a Lema a este libro. Revertelo é cuestión de «vontade», conciencia «e non votar pola nosa extinción». Cun 83 % da súa poboación co galego como lingua habitual, a Costa da Morte é «reserva, refuxio, lugar de acción», dixo Rosalía.
Domingo, último día: a programación hoxe no castelo de vimianzo
- 12.30 e 17.00 horas. Visita teatralizada ao castelo a cargo de Os Quinquilláns.
- 18.00 horas. Presentación de «Lope Sánchez de Moscoso, un vizconde no tempo de Enrique IV de Castela»: Manuel Canosa.
- 18.00 horas. Contacontos con David Acera: «Por qué los pájaros no tienen rey?».
- 18.45 horas. Presentación de «Os tres nomes da Sartegua», de Alberto Mancebo. Canda el, a comunicadora Ana Gayoso.
- 19.00 a 20.00 horas. Sinatura de libros. «En vísperas de nada», de José Pardiñas Alvite.
- 19.30. Narración e música: «Lavandeiras», de Vero Rilo.
- 20.15 horas. Mesa redonda. Derradeira conversa a pé de páxina. Con Montse Fajardo, Luís Sánchez e Luís Lamela.