O segundo Vimianzo M.O.L.A. abre o seu «cartelazo» no castelo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Arantza Portabales será unha das convidadas de hoxe no Vimianzo M.O.L.A.
Arantza Portabales será unha das convidadas de hoxe no Vimianzo M.O.L.A. RAMÓN LEIRO

Modesto Fraga, Pedras de Cartón, Cris Collazo, Julio Romero e as súpervendas Arantza Portabales e María Oruña interveñen hoxe

04 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

«Un festival completo e diverso aquí, no noso castelo. Estamos moi orgullosos de todo o talento que nos acompañará esta fin de semana»: así é como presentou onte Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, a segunda edición do Vimianzo M.O.L.A. que botará a andar hoxe mesmo (18.00 horas). «O primeiro que quero é agradecer a todos os que o fan posible, somos conscientes do grandísimo traballo que hai detrás dun evento coma este», dixo tamén en Radio Voz, en alusión ao departamento de Cultura «e a todos aqueles que aceptaron o convite de estar aquí».

Entre hoxe e o domingo, o festival de murais, oralidade, literatura e artes volverá converter a fortaleza soneirá nun punto de encontro arredor dos libros, a palabra, a creación artística e a memoria, un xeito de gozar «do que nos queda de verán e en familia». Rodríguez reivindica «un cartelazo».

A escritora viguesa María Oruña
A escritora viguesa María Oruña M.MORALEJO

Esta primeira xornada, en efecto, terá propostas para todas as idades e nela convivirán autores da Costa da Morte con dous nomes que son referentes absolutos do panorama literario galego actual, como son Arantza Portabales e María Oruña. Ámbalas dúas, a primeira ao fío da súa obra A cámara das marabillas e a segunda con Asasinato no muíño do cura, participarán ás 20.00 horas na primeira das Conversas a pé de páxina deste ano, unha mesa redonda na que compartirán conversa arredor da literatura, a creación e a súa experiencia como escritoras de éxito e líderes de vendas e lecturas.

Modesto Fraga, autor fisterrán
Modesto Fraga, autor fisterrán JUANMA ABELLEIRA RONQUETE

Con todo, as dúas primeiras citas serán ás seis da tarde, simultáneas. Por unha banda, o fisterrán Modesto Fraga presentará os traballos da Biblioteca da Fisterranía que impulsa, un acto no que estará acompañado por Pepe Formoso, presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM). De xeito paralelo, os máis pequenos poderán gozar co contacontos Os contos de Shakespeare, a cargo da compañía Pedras de Cartón, unha propostas para achegar a obra deste dramaturgo aos máis novos, a través da narración oral.

Para as 19.00 hai programadas outras dúas convocatorias, ao tempo. Dun lado, Julio Romero, de Camelle, pero vimiancés tamén, dará a coñecer a súa obra A primeira dama (Toxosoutos), o relato do Camiño de Michelle Obama. Mentres, público familiar terá ao seu dispor teatro de monicreques de man de A Cova das Letras e Cris Collazo: representará Costureiriña bonita. E cada xornada, toda a tarde, a fortaleza sumará unha pequena feira do libro.