Agora así: conta atrás para o Asalto ao Castelo!
28 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Tres oradores de gran calidade ofreceron onte, no patio do castelo de Vimianzo, apuntamentos sobre a historia irmandiña nunha mesa de reflexión que serviu, ademais, para ir quentando motores na semana previa ao Asalto.
Anselmo López Carreira, especialista que xa pasara por Soneira naquelas primeiras edicións da celebración, fixo un repaso pola historia deste movemento social reivindicando que o conseguido polos irmandiños foi moito máis que unha revolta: máis ben podería considerarse unha toma de poder que foi mesmo apoiada polo rei. Tamén abondou López Carreira na organización e estrutura que seguían as irmandades e reflexionou, así mesmo, sobre como a toma dos castelos «cambiou para sempre a paisaxe de Galicia», conta Manuel Rial, dende a organización.
Pola súa banda, Carmen Blanco Sanjurjo aproveitou para presentar Gorriones y halcones, novela coa que viaxou ao medievo para explorar a xénese das revoltas irmandiñas. A autora explicou que tardou cinco anos en finalizar o texto e que se topou con casuísticas que dificultaron o traballo, como que moitas das personaxes se chamasen igual. O libro está a ter moi boa resposta fóra de Galicia, «o que demostra a importancia que ten a nosa historia, aínda que ás veces pase desapercibida», reflexiona Rial.
Por último, Miguel García-Fernández levou á palestra a invisibilización da muller na construción da historia, sobre todo no relativo a guerras ou conflitos. Falouse do poder que tiña Xoana de Castro naquela época, coa presentación mesmo dalgún documento inédito, e reivindicouse o relato que dende o Asalto se fai dun acontecemento como foi o secuestro do arcebispo. «As que realmente negociaron foron Catalina de Fonseca e Xoana de Castro, non o fillo como se di sempre», conclúe Manuel.