Volven os pinchos irmandiños! Vimianzo quenta motores para o Asalto dende o padal
27 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Do 30 de xuño ao 6 de xullo • Cuxa nobre, O último asedio, As costelas do rei, Fabas da revolta, Lanza irmandiña... Petiscos que evocan outra época: unha de moitos séculos atrás á que a Vimianzo lle gusta regresar cada primeira fin de semana de xullo.
Está xa á volta da esquina unha nova edición do Asalto ao Castelo —concretamente, a vixésimo novena— e, como sempre, os pinchos irmandiños axudarán a abrir boca dende comezos de semana nunha vila xa completamente engalanada para a ocasión.
Este ano foron once os locais hostaleiros que asumiron o reto de elaborar un petisco con ingredientes coetáneos ás revoltas irmandiñas, que servirán entre o martes 30 e o sábado 4 de xullo. Vía Rápida, Pan Ignacio, A Rúa, Celme, 06:30, O Agocho e O Petouco ofrecerán as tapas en horario de 12.00 a 15.00 e de 19.00 a 23.00, mentres que A Fonte, Casa Landeira, Tutti Frutti e Montevideo traballarán en horario continuo dende o mediodía.
Programación
Un espectáculo de narración oral a cargo de María da Pontragha abriu onte, na propia fortaleza, a programación deste Asalto 2026, que continuará hoxe coa celebración da Legua Irmandiña e cunha mesa de reflexión sobre a historia irmandiña que terá lugar no patio do castelo vimiancés. Será ás once e media da mañá, coa participación de Anselmo López Carreira, Carmen Blanco Sanjurjo e Miguel García-Fernández, que abordarán cuestións como a literatura como medio divulgador da historia, o poder feminino na Idade Media ou os irmandiños na historia.