Conta atrás para o Asalto ao Castelo | Hoxe, narración oral con María da Pontragha na fortaleza: 20.30 horas
26 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.De mañá en oito días, estará Vimianzo viaxando no tempo de volta ao medievo, unha cita á que levan trinta anos sen faltar coa única excepción do bienio da pandemia. Estes últimos sete días antes do Asalto estarán repletos de actividades e programación de distinta índole, como o espectáculo de narración oral que conducirá esta tarde María da Pontragha no propio castelo. Será ás 20.30 no marco do Festival Atlántica, que arrancará precisamente por Vimianzo.
De xeito paralelo, a organización do Asalto xa abriu na Praza do Concello o estand no que se poderán mercar ítems promocionais ou obter información do festival, que a estas alturas ten xa en torno a un 70 % das entradas vendidas. «Xa somos máis de dúas mil almas as que temos cita na revolta deste verán», din os organizadores, que recordan que os tíckets aínda se poden adquirir de xeito anticipado a través da plataforma woutick.com.
A décima Legua Irmandiña ou unha mesa de reflexión sobre a historia irmandiña son outras das propostas ligadas á programación que terán lugar esta fin de semana, na que tamén fechará inscricións o segundo certame de microrrelatos irmandiños. Poderá participar quen o desexe cun texto en galego de non máis de 50 palabras. Prazo até o domingo.