Hoxe, 23 de xuño, pecha o prazo de inscrición na proba absoluta da Legua Irmandiña, mais abre para a Tarde Noite Meiga, proposta infantil no foxo da fortaleza medieval
23 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Máis de 150 atletas xa se inscribiron na proba absoluta da Legua Irmandiña, cita deportiva que marcará este sábado o arranque dunha das semanas máis agardadas do ano en Vimianzo, a do Asalto ao Castelo. Hoxe mesmo, martes 23 de xuño, pechará o prazo de inscrición e dende a organización lembran que hai tan só duascentas prazas para a categoría absoluta, outorgadas por estrita orde de inscrición.
Cun percorrido de cinco quilómetros (no caso da carreira principal) que combinará deporte, patrimonio e natureza, a Legua Irmandiña dará comezo ás nove da noite coa saída dos pitufos, para despois continuar con benxamíns e alevíns (21.15), infantís, cadetes e xuvenís (21.40) e, por último, cos corredores da proba absoluta (22.00 horas).
De xeito paralelo, dende hoxe e ata o vindeiro 30 de xuño estará aberto o prazo de inscrición na Tarde Noite Meiga, unha das actividades do Asalto pensadas para o público infantil. Será o xoves día 2 de xullo, de cinco da tarde a nove da noite, e terá lugar no foso do castelo. Poderán participar rapaces de seis a doce anos de idade e o custo de inscrición, que ha de facerse de 9.00 a 14.00 na Casa da Cultura, é de cinco euros.
Vimiverán
Mentres agardan por esa tarde de inmersión na cultura irmandiña, onte mesmo deu comezo a primeira quenda dos campamentos de Vimiverán, que se centrará precisamente no Asalto e na que participarán oitenta rapaces.
En total, son máis de cincocentos pícaros os inscritos nas actividades de conciliación estivais, que, como principal novidade, este ano incorporarán o eclipse solar do vindeiro 12 de agosto como eixo pedagóxico transversal de toda a programación.