A comisión estreará esta fin de semana os novos terreos cos festexos por san Antonio
12 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Sábado e domingo • Facendo cálculos, a comisión de Baíñas estima que nos últimos catro decenios as festas da parroquia tiveron lugar ata en trinta localizacións diferentes. Con escenarios que non paran de medrar e con cada vez máis esixencias técnicas, era imprescindible conseguir unha parcela que proporcionase a amplitude necesaria e que reunise tódolos requisitos. Unha parcela que, por fin, xa é propiedade da comisión e será estreada esta fin de semana.
«A asociación cultural e deportiva Os Campelos, coa axuda dos comuneiros de Baíñas e do Concello de Vimianzo, mercamos un terreo preto da igrexa. Ten seis ferrados (2.700 metros cadrados) e está moi ben situada, coas dúas estradas ao lado», explica Miguel Muíño dende a comisión. «Nós levamos nove anos na organización e entre as lotarías, as rifas, o entroido, a festa do polo e todo iso fomos reunindo para poder facer a mellor festa posible, pero tamén para chegar a poder mercar un terreo (...). No Outeiro non nos collían xa as orquestras e levabamos tempo alugando fincas, dependendo do tempo...», engade Muíño.
Festexos por san Antonio
Estrearano nuns festexos que comezarán mañá cunha misa solemne na honra de san Antonio (13.00) e cunha sesión vermú animada pola orquestra Los Españoles e a discoteca móbil Impacto, que repetirán na verbena da noite xunto co grupo Camélame, un tributo a Camela.
O domingo, segunda xornada, haberá oficio solemne ás 13.00 e sesión vermú co trío Alborada. Todo iso, baixo carpa, aínda que, dadas as temperaturas anunciadas para esta fin de semana, de seguro non será necesaria.