Belém Tajes: «Son unha muller con horta, entendo os procesos e iso trasládoo á música»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Belém Tatajes ten orixes familiares na Costa da Morte
Belém Tatajes ten orixes familiares na Costa da Morte SOFÍA TABOADA

Traerá o seu disco «Amar o mar» e novos temas, como «Santa Ferreña», o vindeiro 19 de xuño a Vimianzo

10 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha viaxe musical con moitos aires, pop folk gourmet, músicas de antes e de agora, a voz da súa avoa Genera gravada por Dorothé Schubarth, outras voces varias, sonoridades de aquí e de alá... e mar. Todo iso está no primeiro disco longo de Belém Tajes (Bos Aires, 1985), cantante, compositora e especialista en musicoterapia que vén de agasallar á música galega cun novo sinxelo, Santa Ferreña. Ventos de cambio, ou non. Falou onte en Radio Voz: «Pilláchesme regando os tomates!», contoulle a Fran Rodríguez.

—De «Santa Ferreña» din que é o adianto dunha nova etapa artística. Que pode contar?

—Este tema para min era como un pregaria pop, unha forma de comunicar con esa cousa que ten Galicia, este paganismo aceptado e cotián. Unha forma de reivindicar esas santas pagás que nos acompañan día a día, nesas maxias habituais silenciadas polo cristianismo, pero que aínda perviven. Logo, era tamén unha homenaxe á Santa Ferreña, a romaría que dende hai anos impulsa unha asociación en Carboeiro. Preciosa, teño moi bos recordos.

—O 20 de xuño en Ortigueira, o 24 de xullo na Praza da Quintana nada menos que con Lila Downs, o 25 de xullo en Portugal, o 17 de setembro en Lugo... Pero antes de todo iso, o 19 de xuño en Vimianzo, coa Festa da Música da Deputación. Case tocar na casa.

—Si, e agardo que os da casa, Camariñas e arredores, acudan a esa chamada. Que veñan a Vimianzo [21.00 horas, Casa da Cultura], a un sitio que tamén é especial para min. Meu avó e meu bisavó, canteiros, fixeron parte da igrexa de Vimianzo. Tocar preto dáme alegría.

—Segue a presentar ese seu primeiro disco longo, o ecodisco «Amar o mar». Chegaba a finais do 2024 e segue soando. É bo, non?

—Éo, foi un disco feito con pausa. Teño un proceso de creación lento. Continúan saíndo datas e vexo importante manter vivos os proxectos grandes, como o foi para min Amar o mar. Agora comezamos a abrir novas cancións e terreos, melodías e experimentacións: vanse sumando así ao set list das habituais que levamos xirando uns aniños. É un xeito de reivindicar ademais ese disco que, creo, non fixeramos en auditorios. Queremos traer esa sonoridade mariñeira a salas íntimas, e seguir con cancións novas: Santa Ferreña vai estar en Vimianzo.

Belém Tajes foi a gañadora da gala final do Premio Narf 2025
Belém Tajes foi a gañadora da gala final do Premio Narf 2025 Cris Andina

—Dá a sensación de que a súa é unha música que non busca fogos do artificio, senón permanecer, calma. Vai un pouco a contracorrente, como se andase ás crebas.

—É a sensación que teño. Nun mundo que vai rápido e esixe inmediatez e trunfo, eu reivindico o contrario. Son unha muller que teño unha horta, entendo os procesos, que as cousas van amodo. Son, por riba, de horta ecolóxica e iso significa que todo vai aínda máis lento, tes que ser de coidado diario, e iso trasládoo á música.

—Mais caer no rápido tenta...

—Claro, claro, a tentación está aí. E ás veces, tamén é verdade, non queda outra que cumprir! [ri].

—Ese pouso é algo que herdou das avoas, igual ca o talento?

—Creo que si, da súa observación. As miñas avoas tiñan traballos moi artesanais, unha era palilleira e a outra tamén, pero dedicouse máis á panadaría. Meu avó paterno era un mariñeiro deses que apenas falaba, pero observaba moito, xa dende a mañá analizaba ventos e nubes, se pola tarde podería saír ao mar ou non... Esas cousas acaban calando, é un xeito de mirar a vida que se acaba absorbendo, un xeito de educación. Son así, observadora, quérolle aos procesos de coidado, a iso de facer, desfacer, facer...

Belém Tajes
Belém Tajes

—Territorio, medio ambiente, feminismo... Non desbota o compromiso, tampouco na música.

—Saín así, para adiante. Fíxenme sindicalista moi nova [ri], cousas da Costa da Morte, supoño!

—Está impregnada dela.

—Totalmente. Nacín en Bos Aires, pasei alá unha curta infancia e ao vir a Galicia fomos a Arou, Camariñas. A praia era lugar de xogo, exploración e recreo, toda a aldea o era. Mar ao erguer a persiana, mar pola noite... Incluso agora é mar, meu pai é mariñeiro na mercante. Aos nenos da emigración quédanos esa sensación de navegación en terra. Eu maréome moitísimo, pero cando estou lonxe do mar fáltame algo.

—Acompañaba na Mostra do Encaixe hai pouco a presentación da obra «Punto de araña», de Nerea Pallares, en Camariñas. E se as mulleres parasen, que?

—Iso mesmo está no libro, as palilleiras fan unha folga, e o mundo para. Nós, as mulleres, necesitamos ser conscientes dese poder, reivindicar o noso lugar, o lugar dende o que creamos e facemos as cousas, moitas veces ensombrecido.