A xornada festiva e reivindicativa rematou coa reclamación da posta en valor «deste centro da natureza»
07 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.«Os Penedos de Pasarela e Traba, moito máis que pedras». O lema imprimido nas camisolas que o Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) distribuía onte son unha mensaxe clara da intención da convocatoria da ruta conmemorativa 20 anos de loita polos Penedos de Pasarela e Traba. Non era unha xornada de sendeirismo, advertiu Chus Barbeira, unha das programadoras. Era unha convocatoria conmemorativa, á que se sumaron varias entidades e persoas que durante tres decenios contribuíron ao estudo, divulgación ou defensa dos Penedos, como é o caso do xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, ou o arqueólogo Antón Rodríguez Casal, que contaba que pasaron 52 anos dende a primeira vez que subiu á Torre da Moa para analizar os restos arqueolóxicos.
Ao pé da Cachucha, á vista da ferida producida pola canteira, Vidal Romaní explicou brevemente o xerme das formacións rochosas, orixinadas hai 300 millóns de anos a máis 10 quilómetros de profundidade e que hai 100 millóns de anos quedaron na superficie tal e como se os coñece na actualidade. Un prodixio xeolóxico convertido en beleza monumental. Manuel Antelo, exalcalde, deu conta dos pasos dados dende o 1997, co colectivo Adiante Soneira, ata hoxe. Xosé María Lema, presidente do Semescom, reclamou a posta en valor «deste centro da natureza».
«Hai loitas que nunca acaban e duran máis dunha vida»
Manuel Antelo e Xosé María Lema Suárez repasaron a historia dos 20 anos de loita polos Penedos. Aludiu o exrexedor ao momento de apertura da canteira, con ataques ós conservacionistas, belixerancia contra Adiante Soneira e o traballo minucioso de alegacións, recursos, denuncias, actos públicos, escritos e divulgación. Agradeceu aos veciños o seu apoio. Citou unha segunda fase do proceso, a partir do 2006, coa marcha «Salvemos os Penedos», que el encabezou, e a posterior declaración de Paisaxe Protexida e, logo a demora da Xunta no plan de posta en valor. Agradeceu tamén que os concellos de Vimianzo e Laxe continúen coas rutas iniciadas cando el gobernaba. «Hai loitas que nunca acaban e duran máis dunha vida», rematou.
Lema Suárez pronunciouse nun sentido semellante. Falou das catro vitorias conseguidas: evitar as canteiras, a declaración como Paisaxe Protexida, a eliminación do parque eólico Monte Chan e Soesto e que Os Penedos fosen levados a Fitur como proxecto estrela. Aínda reivindica o rexeitamento ao parque eólico Pena dos Mouros, que afecta ao monte de Piñeo, no ámbito dos Penedos. A celebración, que tamén foi unha homenaxe a Roberto Mouzo, rematou cunha actuación de Os Muiñeiros e xantar entre pedras. Tampouco lle faltou á cita poesía, versos recitados por Rosalía Fernández Rial, ese poema que publica no libro conmemorativo dos 20 anos de loita, entregado aonte aos asistentes.