Lara Romero Carrera obtivo un dos galardóns do certame convocado pola Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Xuventude
03 jun 2026 . Actualizado a las 22:41 h.Lara Romero Carrera, de Vimianzo, vén de obter un dos galardóns do 15.º certame Lingua de namorar, convocado pola Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Xuventude. Obtivo, concretamente, o terceiro posto da categoría B, para persoas de entre 20 e 35 anos de idade, e fíxoo con Horizontes na pel da noite. O concurso ten como fin dinamizar a lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais, así como nas novas tecnoloxías, ademais de incrementar a percepción deste idioma como lingua útil para todos os momentos de lecer e diversión.
Valentín García, secretario xeral da Lingua, e Lara Meneses, directora xeral de Xuventude, recibiron este mércores ás galardoadas, todas mulleres, que na categoría A —de 14 a 19 anos— foron Ana Jorquera (Santiago), Lía Bernárdez (Mondariz) e Elena García (Vigo). Completaron a B, en primeiro lugar, Paula Bonifase (Vigo) e, en segundo, Jessica Ortigueira (Mos). Había tamén modalidade exclusiva para Instagram, apartado no que foi recoñecida Iria Méndez, de Pontevedra, pola mensaxe #365noites. Lingua de namorar convocouse ás portas do pasado 14 de febreiro.