A peza de Daniel Rodríguez ten cinco nominacións aos MAX. Tradición e contemporaneidade
02 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • 20.30 • Casa da Cultura • A aposta do Concello de Vimianzo e da súa área de Cultura pola danza non só queda nun día. Este sábado 2 de maio, ás 20.30 horas na Casa da Cultura, chega á localidade un espectáculo de altura, Transeúnte, expresión do bo facer de Daniel Rodríguez como bailarín, director e coreógrafo. Sobre as táboas, música e danza en simbiose, seis persoas, co primeiro dos apartados reservado a Aida Tarrío (Tanxugueiras) e Artur Puga (Mondra). Na danza, Laura García, Javier de la Sierra, Andrea Pérez e o propio Rodríguez: «A totalidade nunha peza, sen que vexa por un lado música e por outro bailaríns. Todo o mundo transita polo escenario, de aí o de Transeúnte», explicaba o propio Daniel ás portas de participar no 2025 na Primavera enDanza de Carballo. Daquela había pouco que estrearan en Tui, e a acollida no puido ser mellor, véxanse as cinco candidaturas aos Max deste actual 2026.
«Unha obra que explora a relación entre tradición e contemporaneidade, mostrando como o folclore percorre os corpos das novas xeracións nun mundo globalizado», «Unha viaxe que celebra a diversidade cultural, honra o pasado e abraza o futuro, xuntando o permanente co efémero nunha experiencia única»: así se ten falado de Transeúnte, o resultado dun proceso de creación do que o propio Rodríguez conversou xornadas atrás en Soneira con motivo do Día da Danza. Ese vínculo entre o contemporáneo e o tradicional está na súa filosofía de traballo xa dende o 2017, dende que se foi vivir a Madrid. A vibración colectiva da música galega, folclore universal, foi para el punto de partida e distinción. Transeúnte é unha obra para todas as idades, o paso adiante dun mozo do Porriño que, como dicía aló por marzo en Radio Voz, chegou ao baile, e logo á danza, a través do convite dunha veciña. Na tradición leva dende os 15 anos, «media vida». Arribou Daniel Rodríguez para deixar pegada e para dar cadra de por que a danza merece ocupar espazos. Lembraba nesa conversa con Mon Lendoiro e Fran Rodríguez na emisora o «gusto» que fora compartir Transeúnte en Carballo: «Non debería ser un fito de determinadas cidades. A cultura é un dereito e en Carballo vese programación que ás veces non é habitual nin ver en Galicia». Cun inmellorable equipo, chega Daniel a Vimianzo, un mozo que ten por afeccións a familia, a casa, o camiñar polo monte, ler e viaxar. Transeúnte pechará a programación de inverno no auditorio. Entradas a 8 euros —reducida, 5— na plataforma woutick.es ou dende as 19.30 na Casa da Cultura.