Marcelino inaugura exposición na súa terra, Vimianzo: «Son de poucas palabras, eu falo coas mans, según me dixeron»
VIMIANZO
A mostra «De Talle», esculturas en madeira, poderá visitarse todo un mes na sala Antón Mouzo da Casa da Cultura
26 abr 2026 . Actualizado a las 23:40 h.Xa o Marcelino neno subía ao monte buscando cepas e raíces ás que darlle forma e coas que contar historias. Aquel Marcelino foi despois pai, e o seu fillo Jose de la Sierra aínda o lembraba este domingo así, no seu taller da casa, traballando a madeira. Quixeran moitos artistas ateigar unha sala de exposicións como o fixo Marcelino de la Sierra hai unhas horas na Casa da Cultura da súa terra, Vimianzo, onde ata o 25 de maio poderá verse De Talle, un compendio deses «anacos de madeira» moldeados con sabedoría, con atención e con intención, en palabras do seu fillo nunha emotiva presentación: «Hoxe meu pai expón a parte da súa vida máis artesá, íntima e descoñecida. Son obras, anacos de madeira como lle gusta chamarlles a el, que explican un pouco a súa forma de ser, con todo e para todo aquilo que o rodea. Anacos de madeira que atopan unha nova vida, e nos que a súa terra, terriña, está moi presente».
Jose de la Sierra trasladou o orgullo de familia e amigos por este paso adiante, unha mostra pública dun talento que tamén lle agradeceu ao Concello, «e en especial a Rocío, a Nieves e a Mónica», pola oportunidade e facilidades para levalo a cabo. Tomou a palabra Marcelino, primeiro para agradecer o apoio e a presenza de todos, «estou moi contento», e logo para dicir que non era home de moito falar: «Eu falo coas mans, según me dixeron». Á madeira, dixo, dálle forma «con cousas que me veñen á cabeza»: «Ensínovolas a vós con todas as ganas do mundo». E así foi que, imaxinándose nese taller-comedor da casa, foi peza por peza conducindo aos asistentes.
Marcelino é autodidacta, como así o explicou a alcaldesa, Mónica Rodríguez. «Valentía, paixón, curiosidade e enorme creatividade», citou del. Obras froito da paciencia e do corazón: «Para o Concello de Vimianzo é un orgullo presumir deste talento». Ata o 25 de maio, De Talle poderá visitarse na sala Antón Mouzo, con acceso libre para quen queira achegarse.