Homenaxe á muller e ao mar, en Vimianzo este domingo 26 de abril 

M. López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Representantes do Concello de Vimianzo, do Agadic e da compañía de danza, na presentación do espectáculo
Representantes do Concello de Vimianzo, do Agadic e da compañía de danza, na presentación do espectáculo BASILIO BELLO

A Casa da Cultura acollerá o domingo a estrea de «Saias do mar», a nova coprodución do Centro Coreográfico Galego xunto á compañía ArtistiKa Movemento

23 abr 2026 . Actualizado a las 00:10 h.

Domingo 26 • 18.00 • Auditorio de Vimianzo • Entradas en woutick.es • O auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo acollerá este domingo a estrea do espectáculo Saias do mar, a nova coprodución do Centro Coreográfico Galego xunto á compañía ArtistiKa Movemento. A peza, inspirada no Camiño da Traslatio, foi creada a modo de homenaxe á muller galega como forza ancestral ligada ao mar. 

Onte presentouse o proxecto, precisamente na Casa da Cultura de Vimianzo, e a alcaldesa, Mónica Rodríguez, salientou a «satisfacción» do Concello por acoller tan interesante iniciativa, recalcando así mesmo o «compromiso» do goberno vimiancés coa cultura e, nomeadamente, coa danza.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fixo referencia ao «frutífero momento creativo» que está a vivir a danza galega e puxo en valor a convocatoria de coproducións que lanza periodicamente a Xunta e que permiten a entrada de novos nomes e estilos na creación coreográfica profesional.

Onte puido verse un pequeno anticipo do espectáculo na Casa da Cultura de Vimianzo
Onte puido verse un pequeno anticipo do espectáculo na Casa da Cultura de Vimianzo BASILIO BELLO

Tamén interviñeron Nerea Andrés e Juan Miguel Hernández, codirectores de Artístika e integrantes do elenco desta peza xunto con Dayron Rodríguez, Irene Lorenzo, Laura Pereiras, Lucía Fontenla, Alba Fariña e Zoe Amor. Nerea agradeceu ao consistorio a confianza neste proxecto emerxente, mentres que Juan Miguel asegurou sentirse moi «arropado» en Galicia, así como moi inspirado polo mar e a muller galega.

As entradas para o pase do domingo xa están á venda en Woutick, e o luns habrá outra función para escolares.