Los de Marras, Quinkillada e Festicultores: novos irmandiños para o cartel do Asalto ao Castelo
VIMIANZO
Súmanse a Dakidarría, En Tol Sarmiento, Che Sudaka ou De Ninghures, artistas xa confirmados para a gran cita dos días 3 e 4 de xullo
06 may 2026 . Actualizado a las 23:36 h.A organización do Asalto ao Castelo, que se celebrará os días 3 e 4 de xullo en Vimianzo, vén de anunciar os derradeiros nomes que completan o seu potente cartel musical. Trátase de Los de Marras, Quinkillada e Festicultores, novos irmandiños que se sumarán a artistas xa desvelados anteriormente como En Tol Sarmiento, Dakidarría, De Ninghures ou Che Sudaka, así como Ulex ou Yaya DJ.
Como xa teñen apuntado os promotores da cita (as asociacións Cherinkas e Axvalso, xunto co Concello de Vimianzo), serán dúas as xornadas de concertos, e para ámbalas dúas será necesario adquirir entrada, algo que xa pode facerse a través da páxina web oficial do Asalto: asaltoaocastelo.gal. Actualmente, están a disposición dos usuarios abonos para toda a fin de semana e entradas individuais por día.
FEIRA ARTESANAL
Por outra banda, a organización tamén anunciou a apertura do prazo de inscrición para a feira de artesanía que se celebrará na xornada do sábado e que alcanzará este ano a súa decimo cuarta edición. Os artesáns interesados terán ata o venres 5 de xuño para formalizar a súa inscrición de xeito telemático a través da páxina do festival.
Unha vez recompiladas tódalas solicitudes, os promotores seleccionarán un máximo de quince postos tendo en conta a participación en edicións anteriores, a orixinalidade, a calidade artesanal dos produtos, a variedade das propostas presentadas ou o equilibrio global da feira.