Chega a Vimianzo este sábado a aclamada obra «Yo solo quiero irme a Francia», coa gran María Galiana e o debut galego na peza da lucense María Roja. Xunto a elas, Anna Mayo e Nieve de Medina
13 mar 2026 . Actualizado a las 23:57 h.O seu paso hai uns meses polo FIOT de Carballo esgotou entradas e deixou ao público de pé, mais este 14 de marzo haberá unha nova oportunidade para saborear a obra Yo solo quiero irme a Francia, unha peza teatral que produce Contraproducións e que este sábado, ás 20.30 horas, chegará á Casa da Cultura de Vimianzo. Entradas, de quedar, en woutick.es ou dende as 19.30 en billeteira. Sobre o escenario, a grandísima María Galiana —a eterna Herminia de Cuéntame—, pero tamén Anna Mayo, Nieve de Medina e unha actriz galega, María Roja (Lugo, 1982). Falou ela en Radio Voz Bergantiños:
—Será hoxe unha función especial para vostede, a súa primeira cita con esta obra en Galicia.
—Actuar na casa sempre dá un pouquiño máis de tranquilidade. Sempre hai algún coñecido ou compañeiro entre o público. Iso dá algo de repouso nestas funcións iniciais.
—Pasa a substituír na obra a outra actriz galega, Alicia Armenteros. Como foi isto? Como subirse a un coche en marcha?
—[Ri]. As substitucións requiren, como di a miña compañeira Nieve, unha actitude un pouco kamikaze. Incorpóraste a un proxecto xa engraxado e ti has de meterte conseguindo que siga funcionando ao mesmo nivel, tratando de achegarte nun tempo récord ao xa conseguido polo resto das compañeiras en escena.
—Recén estreada a obra en Avilés, pasou por Carballo. Daquela falabamos con Galiana, e ela mencionaba a orixinalidade desta obra, a dualidade, a traxedia e a comicidade... Iso, visto dende os seus 90 anos. Que é o que ve María Roja na función?
—Podemos sacar unha lectura moi parecida independentemente da idade. Galiana ten un coñecemento maior de certas partes referidas á historia, por telas sufrido seguramente, pero da mesma maneira ca ela eu vexo nesta obra comedia, suspense, tenrura e una parte moi necesaria de denuncia e reivindicación. A pesar de que se fala dun momento concreto, está moi vixente hoxe.
—Por refrescar a memoria, temos un velorio dunha señora maior, Pilar, e temos o encontro doutras dúas mulleres que se atopan unidas dalgunha maneira por unha vida que en certa maneira descoñecían. É así?
—Xustamente. A miña personaxe é Inés, unha rapaza noviña que recibe en herdanza a casa desta muller recén falecida, unha muller que non coñece e da que nunca oíu falar. Ela preséntase no velorio e alí coñece á neta de Pilar, que non está ao tanto de nada. A partir desa incómoda confusión inicial, atópanse catro mulleres en escena e van descubrindo un amargo pasado. Con todo, quero sinalar que ata nel hai certo acubillo para a esperanza.
—Herdanzas emocionais, feridas que van pasando xeracións...
—É a cuestión central da peza, si. Feridas polas que ninguén pregunta, pero que van xerando unhas cicatrices que nunca van acabar de sandar.
—Está formada en disciplinas como a danza. Hai algo desta fisicalidade na obra?
—Está a concepción do espazo, e moverse por el, mais si hai un pequeniño e moi tenro momento ligado a un pequeno baile infantil e familiar. Aí volvemos a herdanzas emocionais que, ás veces, pois tamén son bonitas.
—Mera curiosidade: como é traballar coa gran Galiana?
—Ao principio é verdade que me impresionaba tela ao lado. Acostumada a vela a través da pantalla tantísimas veces, con todo o seu pouso, intelixencia e saber facer. É unha gran compañeira, cun ollo extraordinario para os consellos, xenerosa, sempre disposta a traballar contigo.
—«Yo solo quiero irme a Francia» é o primeiro texto e dirección de Elisabeth Larena. O público remata en pé Como viviu as dúas funcións que xa fixo en Alicante e Canet de Berenguer?
—Deixando a un lado os nervios, ao estrear en teatros inmensos e con todo vendido, é realmente emocionante ver ese final. Estou feliz.
—Convide a ir este sábado a Vimianzo...
—Aludo a ese carácter de cita. É un convite a compartir unha reunión con nós que, por efémera, hai que aproveitar. Por se as cousas non volven...