Viki Rivadulla, artista: «Pinto en feminino, as mulleres teñen moito que dicir»
VIMIANZO
Inaugura mañá en Vimianzo unha nova exposición: «Onde habitan as mouras, cartegrafía de nós»
05 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A arte tamén se fai oco na programación do 8 de marzo, Día da Muller. É o caso de Vimianzo, onde a sala Antón Mouzo da Casa da Cultura acollerá mañá, venres, ás 20.00 horas, a inauguración dunha nova mostra da muxiá Viki Rivadulla (1964): Onde habitan as mouras, cartografía de nós. Vimianzo será a parada inicial deste seu proxecto que inicia camiño, cunha pintura que, coma sempre, berra, reivindica, clama. Falou a creadora en Radio Voz:
—Onde habitan as mouras e que papel xogan na exposición?
—Quizais a xente agarde atopalas, pero a mostra non vai delas, senón do lugar que habitan. A natureza salvaxe máis fermosa, dun lado, e as lendas, imaxinario e patrimonio inmaterial, doutro. As mouras están moi ligadas ao territorio, as súas lendas case sempre falan dun lugar, dese tesouro que gardan e que penso que é a propia natureza. A exposición vai desa relación do ser humano co territorio, como é, que está pasando co planeta... E vai do papel das mulleres, que hai que poñer en valor. O 8 de marzo é todo o ano. Coma sempre, pinto en feminino, as mulleres teñen moito que dicir, e non só porque a figura da moura sexa muller, senón porque as coidadoras da terra tamén foron mulleres case sempre. Hai unha tradición de coidados e saberes ancestrais que nos veñen delas; nos movementos de defensa do territorio están moi presentes...
—Esa relación do humano coa natureza... Non o facemos ben.
—Nin a nivel individual, nin a nivel global. A violencia contra os territorios e incluso contra o clima xa é sistema. É pesimista pensar iso de que «e que imos facer?». O que non imos é quedar calados.
—Visualmente, como diría que son estas 30 obras da mostra?
—Teñen o estilo de series anteriores, fondos planos para que destaquen as figuras e teñan protagonismo as persoas, as mulleres que nelas aparecen. Aínda así, hai diferencias. As Atlánticas eran cabezas de mulleres; as Carrexadoras, corpos que levaban cousas, e neste caso hai algo de todo, ten máis presenza a paisaxe, a miúdo na miña obra só esbozada ao ser unha obra moi antropolóxica. Aparece a paisaxe, iso si, filtrada pola miña visión, unha paisaxe nunca realista que nos conta ese realismo máxico do que bebo e que tanto me gusta, tan galego. Por iso esas figuras das que saen cousas. As cores seguen a ser aquí moi vivas.
—O seu estilo é recoñecible.
—Así debe ser, penso. Ten que haber unha madurez e evolución, pero mantendo unha voz propia. Pintar, e pintar ben, sendo algo que se aprende e practica, pode chegar a facelo todo o mundo, pero atopar a túa voz, que a túa pintura sexa recoñecible, con personalidade... para min iso é o que conforma un artista. Un pintor pode ser tecnicamente mellor, pero falta a creación do artista.
—Volve á sala Antón Mouzo.
—Sempre vou a Vimianzo. Primeiro, porque me tratan moi ben, algo independente das cores políticas. Nótase cando a xente traballa ben a cultura, e aí hai unha técnica boísima, Nieves Lema, e con ela todo o persoal. Hai lugares nos que abres unha mostra e, logo da inauguración, a porta está pechada. Nesta sala non pasa iso, a obra está sempre á vista. Máis alá disto está a súa dimensión, a min non me gusta facer cousa pequena [ri]. Outro aspecto é a relación emocional: coñecín e admirei a Antón Mouzo, participei da inauguración da sala, estiven coa súa xente... Convidada daquela por Manuel Antelo.
—Desta volta suma versos aos cadros da mostra. De quen son?
—Rematadas as pinturas, e dado que me gusta darlle aos meus traballos un carácter colectivo, contactei con poetas que sabían que tamén se implicaban nestas cuestións. O día da inauguración estarán comigo algunhas delas, Inma Doval, Marta Dacosta, Laura Rei e Ana Pillado. Mai tamén hai poemas de Emma Pedreira, Teresa Ramiro, Iolanda Aldrei e Diva Millapan. A todas estoulle moi agradecida.