Martín Espantoso: «'Tolóptica' é unha crítica a eses gurús do traballo, do éxito laboral»
VIMIANZO
Código Azul trae a Vimianzo este sábado unha comedia, comedia dramática. Nela, a presión e a toxicidade laboral
26 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Nova cita co teatro este sábado en Vimianzo. Toca comedia, Tolóptica, coa compañía Código Azul: 20.30 horas, entradas en woutick.es. Pasou polos estudos de Radio Voz Bergantiños un dos intérpretes, Martín Espantoso (A Coruña, 1995), tamén produtor e creador da compañía no 2024.
—Que o levou a fundala?
—A compañía non deixa de ser eu e as miñas inquedanzas por esta peza, que chega logo de doce anos dedicándome á actuación no teatro e no audiovisual. Como produtor son novel, ano e medio, mais o proxecto vai incluso mellor do que pensaba. Estreamos no Teatro Jofre de Ferrol e xa no 2025 estivemos no Circuíto Outono das Artes.
—Busca da verdade, espírito didáctico, diálogo coa realidade, humor, mirada crítica e irónica. Código Azul ten esas premisas. Non semella doado.
—Non o é. Gústame traballar coa veracidade e coas novidades. Co de sempre, un teatro político e crítico, pero sen ir ao teatro clásico, senón ao actual, para que a xente enganche. Cousas da miña xeración, e tamén das anteriores, pero sobre todo moi da miña, que son un millennial.
—«Tolóptica»: vainos a cabeza para tolos e para óptica.
—Perfecto! Iso é! Tolóptica é unha escusa para a temática central da peza, unha hora e cuarto que xira en certa maneira en torno aos workaholics, xente adicta ao traballo, en torno ao moito peso que o traballo ten hoxe no noso día a día. Tendo ese tema, queriamos facer unha comedia, e esta é unha comedia dramática. Está o home narcisista, prepotente e con mentalidade de tiburón, Leo [ao que Martín Espantoso interpreta], e está o home con sentido e os pés na terra [Brais, interpretado por Marcos Fernández]. É unha crítica a todos eses gurús das redes que nos venden o éxito laboral como prioridade (....) todo iso que nos afasta do sentido de comunidade, que é onde está a felicidade. Tolóptica é unha empresa de lentes, pero podería ser calquera outra, só que as lentes teñen ese simbolismo: segundo as que uses ves o mundo dun modo ou outro.
—Texto de Ismael Gil Candal e dirección de Xosé Leis.
—Exacto. Aínda sendo a idea miña, o autor da peza é Ismael. Traballamos cun texto orixinal seu. Escribir é unha responsabilidade, un dos traballos máis complexos, e eu dende que comecei a traballar en producións tiña claro que, sempre que o capital mo permitise, respectaría cada sector.
—Que lle impón máis? A interpretación ou a produción?
—Diría que a produción, pero porque teño menos experiencia. Ser produtor é ser autónomo, levar as contas...
—Audiovisual ou teatro?
—A xente penso que me coñece máis polo audiovisual, a miña carreira nel é máis prolongada, poden atoparme en varias plataformas. En Galicia vívese un momento bo.
—Que pouso lega «Tolóptica»?
—O de rirnos desa frustración en torno ao tema laboral que xa vén de hai anos, pero que vemos máis nas novas xeracións. Hoxe un panadeiro xa non só pode facer pan, ten que crear conta de Instagram, logo, vídeos para redes... Somos xa creadores de contido. Leo representa a parte tóxica do mundo laboral, iso que vai en contra da saúde mental, do tempo, da vida. Brais é a conciencia que nos lembra que hai que gozar do momento, relaxarnos, que a vida non é só traballo.
—A quen anima a ir o sábado?
—Sobre todo ás novas xeracións, pero a obra é unha oportunidade moi boa tamén para que os pais e nais, digamos que os boomer, empaticen cos máis novos e coa situación actual no tema laboral. A presión, a toxicidade...