«Mulleres, homes e homiños»: memoria fronte ao esquecemento

Luís Sánchez Rodríguez (Luís Rebor de Laves)

VIMIANZO

Luís Sánchez, nunha imaxe tomada este mércores na Coruña
Luís Sánchez, nunha imaxe tomada este mércores na Coruña EDUARDO PEREZ

En primeira persoa | Escribe Luís Sánchez Rodríguez | «Mulleres, homes e homiños» é un traballo que me ocupou once anos e un mes

01 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Mulleres, homes e homiños é un traballo que me ocupou once anos e un mes. Pouco máis dunha semana de guerra e 11.720 días de loita antifranquista. O 5 de xuño de 2025 presenteino no Rexistro da Propiedade Intelectual da Coruña. Son 4014 páxinas en Arial 10, pero non son só números nin follas: son nomes, vidas, sufrimentos e resistencias que durante decenios quedaron atrancadas na desmemoria colectiva. Todo comezou en abril de 2014. Tiña dúas intencións claras. Por unha banda, xuntar nun mesmo lugar datos que andaban espallados en milleiros de fontes sobre as persoas represaliadas polo franquismo en Galicia. Por outra, intentar que as galegas e os galegos de hoxe coñezan e recoñezan os feitos e as penalidades que padeceron aqueles demócratas —os nosos veciños, os nosos pais, avós, tíos— dos que a historia oficial fixo mutis durante case que noventa anos. Non comezo dicindo Érase unha vez nin En tempos de Mari Castaña. O que publicamos é unha realidade vivida. Un inicio de conto axeitado ao que viviu Galicia nestes case nove décadas sería: Na terra do esquecemento, onde ninguén se lembra xa de nada... Mágoa que tantas vítimas da represión do movemento contra-republicano de 1936 sigan na escuridade.

En Galicia non houbo guerra no sentido estrito: non houbo frontes estables, non houbo batallas entre exércitos artellados como ocorreu no resto do Estado. Os únicos enfrontamentos militares foron en Ferrol, entre o 20 e o 22 de xullo de 1936, entre mariños leais á República e os sublevados. Ata o 28 de xullo houbo certa resistencia popular, xente do común mal armada fronte a un exército profesional. En dez días triunfou o alzamento militar. O que si houbo —e moito— foi represión; intensa desde o primeiro día, metódica, salvaxe e prolongada no tempo. O xeneral Emilio Mola, O Director, dixo o 19 de xullo de 1936: «Es necesario propagar una imagen de terror (…) Cualquiera que sea, abierta o secretamente, defensor del Frente Popular, debe ser fusilado». Calquera que fose acusado —con razón ou sen ela— de «rebelión militar» ou de non apoiar o Movimiento Nacional foi obxecto dalgunha represión: paseo, fusilamento, cárcere, depuración, desterro, exilio, fuxida ao monte, sanción...

A loita antifranquista, porén, non rematou en xullo do 36. Prolongouse durante 11.720 días, até o 29 de agosto de 1968, cando Mario Rodríguez Losada, Mario de Langullo, o Pinche, o derradeiro guerrilleiro con presenza activa en Galicia, marchou ao exilio francés. Ese é o período que abarca o meu traballo: unha semana de guerra aberta e máis de 32 anos de resistencia silenciosa, clandestina, ás veces armada, ás veces só de non dobrarse.

Presentación do traballo, o mércores, no Circo de Artesáns da Coruña
Presentación do traballo, o mércores, no Circo de Artesáns da Coruña EDUARDO PEREZ

Na escola aprendíamos a listaxe dos 33 reis godos, Almanzor, o Cid, a Reconquista, os Reis Católicos, Colón, Pizarro, Lepanto, Napoleón, as Cortes de Cádiz, o 98… e aí remataba todo. Do século XX, case que nada. Da II República, da Guerra Civil, da ditadura… silencio. O meu pai contábame cousas que me sorprendían por descoñecidas. O meu avó agochouse no monte no 36 porque o buscaban os falanxistas —acusábano de socialista—. Os meus dous tíos maiores mobilizados polos franquistas; o máis vello ferido nun ombreiro na Batalla do Ebro, salvado por un veciño da Ponte do Porto cando estaba a morrer. A miña avoa morta de pena aos corenta e poucos anos, sabedora do que pasaban os fillos nas frontes. Falábame dos foucellas —os fuxidos—, dos paseados nas estradas, de saír da casa armados cun revólver Velo-Dog por se acaso… Esa lagoa na miña formación levoume, no 2014, a mergullarme na historia recente e próxima. Comecei pola provincia da Coruña e por Benigno Andrade García, Foucellas. Pero cada nome levábame a outros, cada fonte abría novas pistas. Pronto A Coruña quedou pequena. Tiven que ampliar a Lugo, Ourense, Pontevedra, Asturias, León e a raia portuguesa.

Elaboráronse fichas de máis de 18.000 persoas. Mulleres e homes represaliados, executados, fusilados, paseados, encarcerados, fuxidos, guerrilleiros, enlaces da guerrilla, protectores, exiliados, vítimas colaterais, pero tamén represores, golpistas, colaboracionistas… A maioría nados en Galicia, pero tamén xente das provincias limítrofes. O número real de afectados é moito maior: case todos tiñan familia —mulleres, fillos, pais, irmáns— que tamén sufriron. Moitas persoas desapareceron sen rastro, agás na memoria silenciada dos seus.

Todo o traballo baséase en fontes alleas: o proxecto Nomes e Voces da USC, causas militares de Buscar Combatientes, máis de 200 libros, xornais da época, Wikipedia, Nomenclátor de Galicia, información sobre fuxidas en barco, prisións, campos de concentración, batallóns de traballadores… A última fonte que consultei foi o libro de Luis Lamela García Golpistas e represores (Laiovento, 2025). Agradezo á Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que desde o primeiro momento valorara o traballo, me apoiara e posibilitara que hoxe estea accesible na súa web, que diseñou con acerto Anxo Sánchez.

Cito dúas frases:

Felipe VI, cando era Príncipe de Asturias, dixo en 2005: «Informar ó mundo deses horrores é a mellor maneira de combatelos (…) resulta imperioso que a memoria salga vitoriosa no seu combate contra o esquecemento».

E José Saramago: «Hai que recuperar, manter e transmitir a memoria histórica, porque se comeza polo esquecemento e remátase na indiferenza».

Pois iso é o que tentei facer: que non rematemos na indiferenza. Que eses nomes —mulleres, homes e homiños— deixen de estar esquecidos. Que saibamos que loitaron pola liberdade e pagaron un prezo altísimo. A base de datos está xa en liña na web da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña: represión.memoriadacoruna.gal/mulleres-homes-e-hominos.

DNI

Luís Sánchez Rodríguez naceu a finais do ano 1955 na Piroga, no municipio de Vimianzo. Cando tiña tres anos, a súa familia cruzou o río Grande —o río do Porto— e instalouse en Baio Pequeno, no concello de Zas. É licenciado en Dereito, pero a súa paixón dende neno foi a Historia. Luís Rebor de Laves é un nome que o identifica por alcumes familiares.