Dende Dyango a Raphael, «Grandes voces da canción» acabou con parte do público en pé no auditorio da Casa da Cultura
19 ene 2026 . Actualizado a las 19:09 h.Cando na tarde do domingo Antonio Barros lle pediu ao público de Vimianzo que deixase saír de xeito innato a súa voz para acompañar Un beso y una flor, de Nino Bravo, unha parte dos presentes xa levaba tempo coreando e comentando polo baixo as pezas que foran ofrecéndose antes no concerto Grandes voces da canción. Con Barros e con iAlma botou a andar a programación de inverno na Casa da Cultura, unha cita que levou ata o auditorio a un nutrido público, na súa meirande parte de mediana idade (e de aí para adiante), algúns por vez primeira nas butacas, éxito que xa merece ser sinalado. Si la vieras con mis ojos, de Dyango, foi a peza elixida para botar a andar a tarde, en torno a hora e media de espectáculo «íntimo e minimalista», como o describiu o propio Barros nas presentacións entre canción e canción.
Un piano, unha cadeira, unhas cantas luces, vermello e negro nun escenario ao que os dous artistas non só levaron talento, senón tamén complicidade. De Dyango foise Antonio a La nave del olvido, de José José, e logo a Cartas Amarillas, para seguir avanzando a tarde con Juan Pardo, Rocío Jurado ou Camilo Sesto. Ofreceron un especial de nostalxia, sen publicidade polo medio e sen necesidade de esperas ou de zapping, palabra que xa case é pasado tamén.
Moito do máis representativo dos grandes nomes da canción española pasou por Vimianzo, as veces a dobre voz, como en Amor eterno ou en Por qué me habras besado. Anduriña soubo a moito nunha terra marcada pola emigración e tivo iAlma ocasión para ser solista, sen deixar o piano, nas entregadas Señora e Se nos rompió el amor. De premio levou uns cantos «Bravo!».
Houbo tempo tamén para reivindicar esas voces «que están aí sempre», ás veces non valoradas, pero imprescindibles para que pezas da tradición oral se fosen legando de xeración en xeración. Foi entón cando Barros e iAlma ofreceron Camariñas, a penúltima antes de dar as grazas a todos os que fixeran un oco no letargo do domingo para acudir a Vimianzo. «Ímonos moi contentos de aquí, grazas por este cariño e esta calor, a nosa gratitute para todos vós. Somos artistas, pero tamén autónomos...», riu el. As súas grazas foron igualmente para o Concello, que pisaban actuando por vez primeira, polas facilidades; e para Nieves Lema, técnica, «pola paciencia». O convite de Barros a gozar da cultura e das posibilidades que para isto ofrece Vimianzo escoitouse claro: «Cantos municipios de menos de 7.000 habitantes teñen un auditorio así, coma este? Moi poucos, xa volo decimos nós».
Barros e iAlma elixiron Digan lo que digan, de Raphael, para pechar o seu concerto, mais foron interpelados a un bis, e así chegou Yo soy aquel, que acabou por erguer a parte do público no momento dos aplausos. Despois, un baño de saúdos cos asistentes, un mundo de fotografías e moita conversa sobre unha tarde de subidas e baixadas na emoción, do amor ao desamor e, de aí, á reconciliación. A vindeira cita en Vimianzo será teatro.